A pobreza

Vicente de Lema ONDA MAINA

CEE

03 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Os peores momentos da vida chegan cando un ve a un ser querido comesto pola dor nunha cama dun hospital. Se hai esperanza de curación, o sufrimento aínda se leva cun sorriso. É cando o mal vai a menos minuto a minuto, ou o corpo empeza a domear e vai collendo os seus xeitos despois do trauma ou o ataque recibido pola enfermidade. O peor é cando o padecemento non ten froito e un ten que aguantar ese mirar entre despedida e desexo de remontar o voo e regresar ao benestar xa fuxido. Ás veces, a vida non ten piedade, e non hai volta nin solución para ese parente ou amigo que vai poñendo o temón cara os seus últimos pasos antes de dobrar a esquina desa rúa sen volta que é a morte. E no medio destas cousas todas e deste acontecer de traxedias e partidas duras coa vida, un non é quen de entender que haxa xente, polo que se ve moita, que marcha con almofadas, mantas, cadeiras de rodas, papel hixiénico, toallas, sabas, pixamas, ...unha vergonza estarrecedora. Láianse non hospital de Cee de que acompañantes de pacientes son os principais artífices destes furtos inexplicables que acontecen a estas alturas da historia. Non é a necesidade material a que obriga a estas xentes a cometer estes furtos, é outro tipo de necesidade, esa que nunca se ve satisfeita. Non é a pobreza a que empurra a que un marche cun mando da televisión que sirve para nada ou para moi pouco. A xente autenticamente pobre non fai esas cousas, porque sabe o valor verdadeiro das cousas colectivas e máis da dignidade. O protagonista deses feitos sofre outro tipo de pobreza, esa que impide a un a satisfacción plena das cousas que realmente valen a pena.