Vellos misterios

Vicente de Lema ONDA MAINA

CEE

08 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando un anda por montes e camiños vellos o mundo ten outro significado, outra cor e ata o tempo amosa outro discorrer. Se ben parece inalterable, a natureza muda dun día para outro. Ningún lugar é igual á xornada anterior por moito que pareza. Da mesma maneira que os seres humanos non teñen clemencia do espazo físico e bula nel para facer o que lle convén en cada momento, tamén as especies vexetais son crueis cando teñen a oportunidade de botar man da obra humana. Chega con ver os valos e os camiños tomados por árbores, toxos e silveiras. E sobre todo as construcións derruídas que un día foron fogares con soños, risas, choros, rezos e cantos á vida e mesmo á morte. Nenos que xogaron, vellos que contaron un conto, bicos de nais a fillos, de homes a mulleres, de avós a netos, mans que arrolaron un berce. E así seguro que durante moitas xeracións. Achar un destes recunchos que un día tiveron alma de familias enteiras é como mergullarse nun pasado indeterminado, nunha historia totalmente descoñecida, pero próxima. Hainas que foron humildes e outras que foron máis poderosas. Xeralmente a fin é a mesma. As vellas moradas de Candelago (Ponteceso), cos hórreos derruídos, o símbolo da fortuna extraviada. Na aldea do Roncudo as pedras seguen saudando ó vento, pero xa non teñen moradores e as figueiras só producen para os paxaros. Na Casa do Camiño, á que se chega pola vella calzada do Camiño Real entre Chafarís a Bedán (Cee), cun esplendoroso arco de entrada, as pedras arruinadas están agochadas nun mar de maleza. Ou a vella Casa de Boallo, outra construción de xentes con poder na bisbarra que agora amosa que a riqueza sempre é efémera. O esplendor doutro tempo foi vencido polas hedras e as silvas. O mítico Pindo é coma un mundo, no que hai vellas mansións que esconderon traxedias. A Casa da Bernarda non é un escenario da obra do célebre poeta andaluz García Lorca. Alí, en Cibrán de Abaixo, o marido da Bernarda rifaba a miúdo co Calzón. Os dous tiñan muíños e mantiñan enfrontamentos polo mal reparto da auga. Un día O Calzón matou ao seu veciño cunha eixada. Unha desgraza nun lugar que o regato de Valdebois anima coa súa música constante.