A escoliña

CEE

04 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Primeiro de mes e caen os gastos, coma estalactitas, cravándose na conta bancaria. Non fallan nunca. Entre eles, a gardaría da pequena. Catro horas, só. A cifra que vexo faime dubidar.

Saio da casa de meus pais antes do abrente. Chego ás veces cando xa caeu a noite. Ela sempre me recibe cun sorriso, feliz, preparada para berrar mamá e apertarme cos seus brazos pequeniños que son quen de abranguer o universo enteiro. Misterios da vida.

Pasa o día cos avós, e a mañá na Escoliña. Cada xornada nos sorprende con cousas novas. Palabras, xestos, expresións, coñecementos... todo, obviamente, dentro do seu nivel de pícara. Unha nena normal e feliz, que grazas a axuda de meus pais e das educadoras da Escoliña, gasta as horas entretida, sen ser tan consciente da ausencia dos pais. Sen estes dous factores, avós e gardaría, sería imposible reincorporarme ao mundo laboral. Podería, claro que si, hipotecar o tempo libre dos avós para atendela, pero non é xusto. Eles tamén teñen algo de vida, por moito que estean encantados de pasar as horas coa neta.

Na Escoliña non hai dispositivos electrónicos. Alí aprenden a manexar as mans, o corpo enteiro, descubrir libros... Gústame. Tranquilízame.

Compren normas. Fanse respectuosos. Aprenden hábitos saudables.

Queda na gardaría cun sorriso, e cando a van recoller (eu tampouco podo), permanece con el no rostro. Está ben. E iso é o único que me importa. Por sorte, ademais, ensínanlle infinidade de cousas.

Canto custa? Non sei, é un servizo imprescindible.