«Teremos que esmerarnos, a Cee veñen as mellores bandas»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CEE

José Manuel Casal

Di que o público ceense ten xa moita tradición neste tipo de concertos e ata ás formacións lles sorprende o seu silencio

29 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A Praza da Constitución de Cee acollerá este sábado (19.30 horas) o Memorial Manuel Rebollar, un encontro de bandas no que a anfitriona será a da Escola de Música de Cee, dirixida polo ceense (de Lires) Fernando Fraga dende o ano 2000, director tamén da Escola.

-¿Que repertorio levan?

-Será variado, porque habitualmente hai público distinto. Levamos un tema galego con gaita e banda, Airiños Airiños Aires, de Gustavo Freire. Tamén unha versión para banda de Amapola, así como un tema orixinal dun compositor holandés, La historia, que é música para unha película imaxinaria. A cuarta peza será unha versión de Los Miserables, o musical, e acabaremos con unha música de salsa de Puerto Rico, algo de Rafael Hernandes moi coñecido.

-Supoño que o Memorial é unha oportunidade para compartir.

-Si, e ademais xa vai tendo moita relevancia. Teremos que esmerarnos moito, porque a Cee veñen bandas moi boas, das mellores de Galicia. Ademais, o público de aquí ten xa unha tradición, atende moito aos concertos de banda. Ata as propias formacións quedan sorprendidas do silencio e o respecto.

-¿Ten futuro a banda de Cee?

-Agora somos uns 40, máis ou menos. A maioría dos integrantes son alumnos da propia Escola de Música de Cee e tamén hai antigos estudantes que seguen colaborando con nós cando poden. Temos que intentar, claro, que entre xente nova, porque senón isto esgótase. Hai que ir renovando, e iso que non é doado preparar a un alumno para a banda. Require un par de anos polo menos, aínda que temos tamén unha banda xuvenil onde os rapaces máis novos xa van formándose antes da outra.

-Dende o pasado luns teñen aberto o praza para inscribirse na Escola de Música. ¿Como van de instrumentos? ¿Hai diversidade nas peticións dos rapaces?

-Temos que andar controlando bastante as solicitudes, porque si é certo que segue habendo tendencia a facer sempre os mesmos instrumentos, e do que se trata é de que haxa diversidade, tamén para nutrir a banda. O máis demandado segue sendo piano e guitarra, pero eses dous instrumentos non forman parte habitual da banda. Temos outros alternativos, pero a pesar de que levamos xa quince anos continúa habendo menor demanda deles.

fernando fraga director da escola de música de cee