Pactos

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CEE

11 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Desta vez, aparentemente, non veremos pactos que se pechan subindo polas escaleiras dous minutos antes de celebrarse, o sábado, o pleno de investidura. Isto pasou nesta comarca polo menos unha vez, seguramente dúas, e apostaría que ata tres. Tampouco espero que se repitan curiosas alianzas matemáticas de seis concelleiros (ou cinco) apoiando a un (ou dous) e facendo alcalde a este, como vimos no seu día en Fisterra, ou en Cee, ou en Muxía.

Dubido moito ademais de que chegada a hora de erguer a man poida haber novidades chamativas que contradín o expresado previamente. Lembro a un que fora alcalde en Soneira que xuraba e perxuraba, quince días antes de celebrarse a votación, que baixo ningún concepto, ¡ningún!, pactaría co que ía ser alcalde, co que ademais disque non se podía ver. Tan vehemente era que os aínda ilusos na política local tivémoslle fe.

Naturalmente, pactou. Polo interese dos veciños.

Cos anos, van cambiando as maneiras de facer política. Outra xente, máis nova e menos guerreada en batallas intestinas con moita taberna detrás e moitos empresarios por diante e por detrás. Outro marco legal, que impide algunhas barbaridades como as que temos visto. Vanse indo os do 79, e ata os do 83, e aparece xente de vinte e pico que non coñeceu a dureza de pelexar cada voto, primeiro, e cos compañeiros, despois. Perden dente, instinto. Haberá quen lle chame marrullería: tamén. Agora, as impresións compártense en Twitter e case se retransmiten en streaming. Pero para os nostálxicos dos clásicos, aínda que sen taberna, aínda lles queda xente como Manolo Lamela en Cee, que non é concelleiro pero traballa como se o fose, ou Rafael Mouzo, en Corcubión, felizmente recuperado. E, sen saír de Cee, a Ramón Vigo, que xa lle viña de herdanza, pero que espabilou máis que a maioría da zona na dureza da política, sendo ademais dun grupo independente, no que todo xoga en contra.

Por iso, con eles polo medio, en sitios nos que conta máis a persoa que o partido, pode esperarse de todo. De todo o predecible, por suposto.