«A navegación en alta mar é como a ruleta rusa»

Brais Capelán

CEE

CEDIDA

Surcou todos os mares do mundo e coñece os riscos que moitos esconden

26 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

David Trillo Gallego (Brens, 1978) é patrón de remolcadores e percorreu mares de todo o mundo. Estes días encontrase de vacacións na súa casa, á espera de volver embarcar, e aproveitou para repasar en Radio Voz Bergantiños algunhas das vivencias que lle aconteceron a el e a outros mariñeiros que coñece en varios puntos do globo.

-¿Que está facendo agora mesmo?

-Estou de vacacións na casa. En standby para poder embarcar nos vindeiros días.

-¿Como ve o mar estes días?

-De Fisterra para abaixo está ben. Hai mar de fondo, pero non a bravura que podemos ver ao norte de Vilán ata a Bretaña.

-Hai moitos barcos refuxiándose en Fisterra do temporal.

-Ten habido máis. Todo o tráfico de Sudamérica e Asia xuntase en Fisterra. Pero a xente di que chegaron a estar máis de dez barcos fondeando aquí.

-¿Que lle parece a inclusión de Fisterra nas cartas marítimas?

-É curioso. As cartas máis prestixiosas do mundo denominan a toda a baia como Fisterra. Hai moitos barcos que nos aparatos de satélite xa poñen como destino Fisterra Bay. Hai documentación máis antiga co topónimo de Fisterra que o de Finis Terrae.

-¿A onde vai ir cando remate as vacacións?

-Está pendente levar un remolcador de Singapur a Australia, pero está con retraso. Tamén hai outro para Turquía, e tamén para o mar Caspio.

-Hai bastante traballo entón...

-En realidade xa podería ter embarcado hai mes e medio. Pero o encargo era perigoso e rexeiteino.

-¿De que se trataba?

-Era para levar un remolque do Pérsico ao Mar Vermello, a Arabia Saudita. Había que ir con pistoleiros e decidín non facelo. Hai moitas ofertas que non compensa aceptar porque é un risco grande. Neste caso había que levar o remolcador rodeado con cable de espiño e tres persoas as 24 horas con Kalashnikov.

-Non todo é fácil por fóra...

-Está a cousa complicada. Teño un compañeiro de Rianxo en Nixeria que a unha embarcación da súa compañía a atacaron e mataron a varios tripulantes. Puiden ver unhas fotos do barco todo furado e con buratos de bala.

-Polo menos pode escoller onde ir...

-A navegación en alta mar é unha ruleta rusa. Podes ir e que non te pase nada, pero é un risco. Por indonesia podes sufrir ataques onde levan todo do barco pero á tripulación non lle fan nada. En Somalia xa é máis complicado. Hai veces que perdes cartos para non arriscar. Nun caso, para pedir un rescate, dixéronlle a un compañeiro que chamara á muller e mentres lle apuntaban cun arma e xogaban á ruleta rusa. Xogan coa presión. Un de Muros estivo cinco meses cos piratas en Somalia e salváronse porque desmantelaron a súa base. Teño un compañeiro que está en Nixeria que vai escoltado como se fose Obama, con dous coches diante e atrás.

-¿Séntese afortunado?

-Eu creo no destino. O que che teña que pasar, pasará aquí ou nas Antípodas.