Pan e feira tiraron dos libros en Carballo

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Esgotáronse os 300 moletes previstos para entregar onte con cada obra mercada

15 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Algunhas das presentacións da última xornada. José Antonio Andrade, Manuel Rivas e Ramón Vilar presentaron onte «Nas cortinas do tempo», «Contra todo isto», «Vivir sen permiso» e «Un peixe no parqué», respectivamente. Foron algúns dos títulos máis demandados este ano.

Igual que os debuxos que o escritor Manuel Rivas pinta nas obras que asina -onte, moitísimas en Carballo-, tamén as súas intervencións van tomando forma a medida que se suman as palabras. Na xornada dominical da 14.ª Praza dos Libros, a cuarta e última, el era un dos reclamos, con Contra todo isto: un manifesto rebelde e Vivir sen permiso e outras historias do Oeste, dúas publicacións presentadas por Xosé Ameixeiras, delegado de La Voz.

Cadraba con día de feira e o autor amousouse encantado de poder compartir «os froitos literarios cos froitos da terra e do traballo». Nunha ocasión, lembrou, puido intercambiar unha obra por unha fouce. «Libro inmenso», «para rumiar», «diagnóstico da sociedade, afectada dun fallo multiorgánico», «froito de sabedoría profunda», «descuberta de realidades cunha expresión literaria e doses de humor», «verdades que habitualmente se calan, «espertador de conciencias» ou «obra para a esperanza» foron algunhas das descripcións de Contra todo isto. Rivas falou en Carballo da transición, do machismo, do medio ambiente ou da lingua. Tamén da literatura.

«Os libros son chanzos, non son leiras separadas nas que nunha plantas millo e noutra fabas», afirmou Rivas. Non tería chegado aos actuais sen os anteriores e, de feito, hai un fío entre todos. A liberdade, o poder e a desobediencia serían para el as tres «contrasinais» dos relatos que integran Vivir sen permiso, conceptos tamén tocados no seu Manifesto rebelde. A desobediencia, o non conformismo... «A literatura -dixo- serve para ver aquilo que non está ben visto, ou porque nolo ocultan ou porque incomoda, porque é unha causa de desequilibrio»: a literatura, pois, como espertador ante ao oficio máis antigo, o de mirar para outro lado.

Satisfacción entre os libreiros

Con permiso de José Antonio Andrade, de Ana Cabaleiro ou de Ramón Vilar, Rivas foi onte un cabeza de cartel na Praza de Carballo, como a feira ou os moletes. A iniciativa Un libro, un pan agasallaba ao lector con miolo e codia por cada obra que mercase: había previstas 300 pezas, e ficaron esgotadas. Unha cifra que suxeita as declaracións dos libreiros consultados, satisfeitos destes días.

«Houbo moitísima xente, sobre todo nos días de máis actividades», comentaba Eva Cameán dende Punto e Coma. «No noso caso, infantil e en galego, moita obra ilustrada, de Kalandraka, ou tamén O vello dos chupetes, por exemplo», engadía. Para Moncho Tasende, da Brañas, este domingo á mañá foi «unha marabilla». Tamén a tarde de sábado do Festifolk: tiraron moito as novidades locais, como Nas cortinas do tempo ou Un peixe no parqué. «Funcionan moi ben as presentacións. Sendo autores de aquí, a xente mobilízase máis», apuntaba nesa liña Alba Rodríguez dende Á lus do candil, tamén satisfeita, coma o resto dos onte consultados. Había intres, este domingo, nos que era difícil moverse entre os postos. Outro ano de éxito.