Anxo Cousillas: «As mans do canteiro só doen os primeiros vinte anos, despois xa está o callo feito»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCÍA

O canteiro e escultor cabanés vén de rematar unha gran escultura de granito para o cemiterio de Carballo, unha réplica da «Piedade» de Miguel Anxo

22 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Nada máis entrar ao camposanto carballés Anxo Cousillas (O Esto, Cabana, 1961) tívoo claro: a peza que esculpiría para substituír ao cruceiro derrubado por un temporal sería unha réplica da Piedade, de Miguel Anxo. Unha escultura monumental, elaborada en pedra do país e concibida para ser observada de fronte. Unha gran peza á altura do lugar no que está exposta dende hai uns días e para a que foron necesarios 5.000 quilos de pedra.

-Interesante elección para substituír a un cruceiro tradicional.

-Ao recibir a chamada do Concello de Carballo e achegarme ata o camposanto pensei que a figura máis indicada para o lugar sería esta, a Piedade. Inicialmente presenteilles varios proxectos de cruceiros que xa tiña feito con anterioridade, pero finalmente elixiron esta escultura.

-Por que a «Piedade»?

-Esta peza sempre me impactou moito, e de feito teño que agradecerlle moito ao Concello de Carballo por darme a oportunidade de facela. Pero é que, ademais, nun cemiterio a xente enfróntase á vida e á morte. Nesta escultura vemos a unha nai acollendo ao seu fillo, pero á hora de morrer todos volvemos á nosa gran nai: á terra.

-Nalgún momento valorou facer para este encargo unha obra orixinal en vez dunha reprodución?

-O certo é que a miña liña creativa -esas obras que me saen da alma- non encaixa en ningún lado, e menos nun camposanto [ri]. Por iso optei por reproducir esta. É máis, nada máis entrar no lugar xa pensei nela, e souben que tiña que facer unha obra que fose observada de fronte ao entrar.

Tamén quero deixar claro que nin son Miguel Anxo nin nunca pretendín selo. Realmente eu conformaríame, simplemente, con poder barrerlle o taller se vivise na súa época [ri].

-Escolleu pedra do país.

-Si, das canteiras de Parga, que son as que mellor coñezo. Á hora de facer un traballo deste tipo hai que elixir material coñecido, e o certo é que conseguín moi boa materia prima. Co cal, se o traballo non saíse ben, non se lle podería botar a culpa á pedra, senón ao canteiro! [ri]

-Partiu dun bloque de pedra duns cinco mil quilos, como deu manexado tal volume?

-O peso específico do granito está entre 3.000 e 3.500 quilos por metro cúbico, polo que en realidade non é un bloque tan grande, aínda que si moi pesado. Eu teño un taller moi modesto, pequeniño e practicamente sen maquinaria, pois traballo cos métodos tradicionais. Si é certo que tivo que traer a pedra un camión bastante grande, pero unha vez aquí deina movido eu mesmo.

-Foi moi complicada de tallar?

-Sorprendentemente non, foi bastante sinxelo. Aprendín moitísimo reproducindo esta obra e, facéndoa, puiden ver que Miguel Anxo tiña todo milimetricamente calculado e logrou simplificalo todo de tal maneira, que resulta impresionante.

-Dedica máis tempo a este tipo de encargos ou á creación propia?

-O certo é que fago pezas propias cando non teño encargos, que son o meu sustento. As miñas creacións non encaixan en demasiados sitios e vendo pouca obra, polo que teño que facer encargos para poder sobrevivir, senón tería que dedicarme a outra cousa. Tiven outros empregos anteriormente, pero sempre quixen ser escultor. Ao principio non tiña moi claro que puidese vivir disto, pero xa van 25 anos os que levo dedicándome á escultura.

-Como ten as mans?

-Pois teño un gran callo [ri], pero polo demais procuro coidalas. Para traballar uso guantes, gafas, mascarilla, ás veces mesmo tapóns nos oídos... Estou completamente illado do mundo mentres estou no taller. Tamén é certo que só doen nos primeiros 20 anos, despois xa tes o callo feito!