«O galego na música non está tan mal coma noutros ámbitos»

SOFÍA CAAMAñO / X.A. LA VOZ/ CARBALLO

CARBALLO MUNICIPIO

Ana García

Traballando en Lingua acolleu a varios representantes do panorama musical galego

20 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A primeira xornada do curso Traballando en Lingua rematou onte con éxito. As ideas expostas ao longo do día por diferentes representantes do panorama musical nesta lingua non só avaliaron a situación actual do galego na música senón que tamén fixeron autocrítica e presentaron propostas de mellora para o futuro.

Á presentación acudiron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e a coordinadora do Servizo de Normalización Lingüística da UDC, Marisol Ríos.

A primeira das relatoras foi María Xosé Silvar, Sés, que non pretendía ser politicamente correcta: «Quero que se entenda o que digo». E para iso recorreu ao ton humorístico e anecdótico. Tamén participou nesta primeira xornada Pablo Carpinteiro cunha charla sobre a Aproximación ao léxico dos instrumentos tradicionais galegos. A Carpinteiro seguíronlle Mini e Mero xunto con Pilocha. Para Mini «o galego na música non está tan mal como pode ser noutros ámbitos como a educación ou o xornalismo». A solución para el é «recuperar a lingua no día a día».

Xa pola tarde, despois do xantar, foi a quenda de Xosé Manuel Sánchez Rei coa súa charla sobre o xeito de mellorar a lingua a través do cancioneiro tradicional. De seguido, Arturo Baquero, Eloi Caldeiro, Patricia Hermida e Segundo Grandío enredáronse nunha mesa redonda que tratou a xestión e a produción da música en galego dende o sector empresarial. Durante as súas intervencións non só se falou da lingua neste sector da cultura, senón tamén dos cambios que está a sufrir a industria debido a era da conexión a rede. Grandío aposta por expandir o galego máis amplamente a países lusófonos: «Se o portugués funciona, por que non lle vai a ir ben ao galego se son linguas moi semellantes?». Tamén foi el quen deu a primicia dun proxecto que está iniciado baseado nunha plataforma de música en directo no que «o 70 ou o 80% das cancións están en galego». Hermida pensa que se necesitan escenarios nos que presentar o produto para que poidan funcionar.

Foi Moncho do Orzán quen pechou a primeira xornada do curso ofrecendo aos participantes un obradoiro de regueifas.

Alba Romero

«En galego podes chegar a onde queiras»

Sés centrou a súa intervención nas linguas minoritarias e minorizadas na música. Para ela, o galego está ao mesmo nivel que calquera outra lingua que non sexa o inglés. A cantante opina que «en galego podes chegar a onde queiras».

Alba Romero

«Este país enténdese mellor en galego ca noutro idioma»

Mini, que xunto con Mero forma un dúo de cantautores, cre que é preciso recuperar o sentido común e recoñecer que somos de aquí. El di que «este país enténdese mellor en galego que noutro idioma, cústame saber o nome de paxaros en español».

Alba Romero

«O galego é unha lingua moi eufónica»

Pilocha falou, xunto con Mini&Mero, da asunción do galego máis alá da música. Para ela «o galego é unha lingua moi eufónica» e para mellorar a situación hai que alimentalo través do seu uso en todos os ámbitos.

Basilio Bello

«É necesario un filtro de calidade na música en galego»

Patricia Hermida, que é representante de grupos musicais, cre que «é necesario un filtro de calidade na música en galego» pero que tamén se precisa dun certo proteccionismo por parte das institucións porque do contrario «isto vai morrer».

As ideas clave da xornada

1. Arturo Baquero: Non á vergoña

Falar galego non pode ser motivo de vergoña. Hai que rematar cos prexuízos existentes contra o galego.

2. Patricia Hermida: A lingua non é o problema

A non comprensión por parte dun público en potencia non é o problema. Hai que ver que modelo funciona na nosa lingua e aplicalo.

3. Sés. Autenticidade

A clave para o éxito da música en calquera lingua é a autenticidade da mesma. A música ten que transmitir e as cancións en galego poden transmitir o mesmo que en calquera outro idioma.

4. Hermida, Sés: Calidade

Promocionar música en galego non quere dicir que haxa que apoiar todo aquilo que se escriba nesta lingua. Necesítase crear música de calidade.

Programa para hoxe

10:OO-11:OO Unha historia do rock en galego. (Xurxo Souto)

11:00-12:00 Lingua e música para as xeracións máis novas. A proposta do concurso Quero cantar. (Goretti Sanmartín)

12:30-14:00 Mesa redonda: A voz da muller na música galega. (Rosa Cedrón, Sonia Lebedynski, Ugía Pedreira, M.J. Pérez)

16:30-17:30 A recollida música oral en galego na actualidade. Olga Kirk e Pablo Díaz.

17:30-18:30 A música na poesía. (César Carlos Morán)

19:00-20:30 Obradoiro de Cantos de taberna. (Ricardo Seixo)