«Haberá algo de recordo e moito de percebe»

f. rodríguez / p. blanco

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

Aurelio Núñez es el pregonero. Así hablaba ayer en Radio Voz Bergantiños

15 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Aurelio Núñez Centeno é diputado autonómico, voceiro do PP en Carballo e, dende hoxe, tamén preogeiro. Coas súas palabras darase por iniciada a degustación desta 25.ª edición da Festa do Percebe.

-¿Que sensación lle produce ser pregoeiro desta cita?

-Teño unha doble sensación. Por un lado, estou absolutamente orgulloso; é unha honra poder ser pregoeiro desta festa tan importante para Corme e para a comarca, porque eu, a pesar de que pola emigración non nacín na localidade, si o fixo toda a miña familia materna, e moita aínda segue vivindo alí. Por outro lado, non obstante, pregúntome que fago eu subido a un palco despois da xente que xa foi pregoeira nesta celebración: Neira Vilas, Arsenio Iglesias, o presidente Feijoo cando era conselleiro, artistas, intelectuais, políticos con altas responsabilidades... Eu o único mérito que teño é ser de Corme, que xa é moito, toda unha honra. En Carballo moita xente coñéceme como «o médico de Corme», pola miña ascendencia familiar e pola relación tan importante que tiven coa vila de neno e de mozo: aqueles veráns que duraban de xuño a outubro, tempos que non poderei esquecer.

-É o seu primeiro pregón.

-Certo. Pasei de exercer a medicina exclusivamente a facer moitas cousas diferentes nun curto período de tempo. Agradézolle á cofradía que pensase en min.

-¿Preparar un pregón é máis difícil ca preparar un mitin?

-Para min, si. Penso en Jorge Mira ou noutros pregoeiros, que xa os farán de carreiriña, por exemplo, pero eu non: lévolle dado moitas voltas. Unha intervención parlamentaria ou un mitin dan moito traballo a primeira vez, pero logo vas colléndolle o tranganillo. Penso que como a todo, claro.

-¿Pode avanzar algo?

-Mellor esperar á festa. Pero vai ser un pregón que garda un pouco de recordo e moito de percebe.

-¿Que significa para vostede esta Festa do Percebe de Corme?

-Cando eu era neno non a había, e penso que foi unha iniciativa intelixente por parte da confraría e a organización. Cada ano hai máis xente e dálle moita vida ao pobo, coloca Corme no mapa de Galicia e España. Está declarada de Interese Turístico. Tamén pon en valor o tremendo traballo dos percebeiros.

-Como médico, ¿cal é a ración de percebes a comer nun día?

-Todos os que se queira. Os percebes teñen poucas complicacións para as analíticas [ri]. Todos os que o bolsillo permita.