Arte, lectura e música na Praza dos Libros de Carballo

La Voz

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

Cabeza Quiles, Cabeza Pereira, Rosalía Fernández e Diana Varela relevan hoxe a Alberto Varela, Xosé María Lema e Xabier Maceiras

08 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Praza dos Libros carballesa está sendo nesta edición máis da Costa da Morte ca nunca. Concibida como feira de creatividade literaria -moito máis alá das letras-, ben quedou así claro onte. Tanto que ata os cans poden viaxar polo espazo nunha mestura do didáctico e da fantasía, que é o eixo sobre o que lle gusta traballar ao carballés Alberto Varela Ferreiro. El foi o encargado de inaugurar a segunda xornada da Praza, dando así a coñecer o seu último libro ilustrado infantil, Kosmocán. Está dispoñible en Amazon, mais a obra tamén espertou a atención de librarías como Brañas Verdes.

Oito son as casetas que se poden visitar na Praza dos Libros, abertas de 11.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 22.00. Calquera obra que se merque terá un desconto do 10 % e, ademais, todos os días, hai un sorteo dun lote de libros entre as persoas que mercaran algún nesa xornada. Como feira da creatividade cultural que é, e como futuro que son os máis pequenos, a programación reserva para eles un bo número de actividades: tal foi así o concerto de Pirilampo na tarde de onte. Pouco despois, o vimiancés Xosé María Lema levou ata a carpa do xardín municipal a súa obra Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro, unha versión xuvenil algo máis lixeira -de peso- que a obra inicial, pensada para os mozos. Acompañouno Xosé Manuel Varela. Tempo viría despois para o mar e para Carballo. Contos mariños de Carballo é unha obra de Xabier Maceiras, unha aposta do Concello e un dos proxectos centrais do proxecto GALP Carballo é mar. Precisamente a través destes relatos Maceiras reforza a vinculación do municipio co mar e faino a través de acontecementos rexistrados no seu día que aínda perviven na memoria dos maiores, informantes que permitiron sacar á luz parte do pasado local. O edil de Promoción Económica, Xosé Regueira, acompañou ao arteixán na presentación, así como Fernando Patricio Cortizo, historiador; e Guillermo González, xerente do GALP.

Programa para hoxe

Praza da arte

Todo o día • Artistas da zona vinculados ao colectivo Crea Formas impartirán talleres porán á venda mini obras, artesanía, cerámica, fanzines...

Ruta pola arte urbana

11.00 • Percorrido polos murais de Derrubando muros con pintura, con autores do libro homónimo (Engaiolarte). Falarán dos seus relatos e dos murais sobre os que escribiron.

Brinca vai!

11.30 • Concerto infantil a cargo de Paco Nogueiras.

En papel e dixital

13.00 • Presentación cruzada: Fernando Cabeza Quiles falará de Galicia, o galego e os galegos e Fernando Cabeza Pereira, sobre Proyecto Exitium Z.

Sinatura de autores

19.30 • Rosalía Fernández Rial e Diana Varela asinan exemplares das súas últimas obras.

Festifolk Costa da Morte

20.00 • Sesión vermú con VintenBaio e Druídas da Rolda (20.30), percorrido de gaiteiros (21.00), Xacarandaina (22.00) e concerto final da banda escocesa Capercaillie (22.30 horas). Todo gratuíto.