«É un pracer e unha honra poder compartir espazo con Capercaillie no Festifolk»

Patricia Blanco
Patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

Xunto con VintenBaio, Druídas da Rolda participará mañá na sesión vermú que precederá ao desfile de gaiteiros do Festifolk

06 jul 2017 . Actualizado a las 23:55 h.

Quedan poucas horas. Mañá é o gran día, o da terceira edición do Festifolk Costa da Morte en Carballo, un encontro do poder gaiteiro, exaltación da música tradicional da comarca. Ademais do desfile de grupos, da presenza do Grupo de Música e Baile Tradicional de Galicia Xacarandaina e do grande concerto final da banda escocesa Capercaille (22.30), referente absoluto da música celta, os que se acheguen ata a Praza do Concello e o xardín municipal poderán gozar da música de VintenBaio e de Druídas da Rolda nunha sesión vermú vespertina (20.00 horas). Druídas da Rolda son Mateo Pichel (19 anos), Alberto Carril (25), Leni Martínez (16), Gala Cernadas (17), Xoán Antelo (22, a piques de cumprir 23) e Pablo Castro, este último de máis recente incorporación. Gaita, frauta, clarinete, guitarra, whistle, acordeón, bodhrán, violín e harmónica son boa parte dos instrumentos que trae esta banda encadrada no mundo do folk e do folk celta, tal e como conta Xoán.

Agardan ilusionados pola súa participación neste Festifolk, promovido por La Voz e o Concello de Carballo co apoio do Grupo Calvo. «Para empezar, é un pracer e un honor compartir escenario e espazo con Capercaillie, unha auténtica pasada», conta. Logo, de fondo, está a idea da exaltación, que haxa festas deste tipo na comarca e que, ademais, sexan celebracións que, como di Antelo, «non confundan o folk co tradicional». Non é que consideren que a música deba estar limitada a caixas separadas, pero si cren que o que é tradicional debe seguir sendo contado así, como tradicional.

Druídas da Rolda empezaron a coñecerse máis, como grupo, aló polo verán do 2015 e dende entón están «moi contentos» polo nivel e o número de actuacións que foron tendo. Este verán preséntase moi animado, máis incluso que os precedentes, con máis citas na súa axenda. Na memoria gardan intres coma o da homenaxe a Roberto Mouzo ou, tamén, máis recentemente, unha actuación por Celanova que precisamente saíu da anterior. Adáptanse ao contexto e están abertos a chamadas, «encantados». Para cada concerto soen ter un repertorio de esquema, pero dependendo da hora ou mesmo da animación que vexan van optando por unha peza ou outra. Teñen xa dúas propias e varias máis que son novidade, polo que Carballo será unha boa ocasión para que aqueles que non coñezan estes mozos poidan facelo.

Non é de todo doado organizarse, entre os estudos ou outras obrigas, pero Druídas da Rolda parece que naceu para quedar.

O programa de mañá

20.00. Xardín municipal. VintenBaio e Druídas da Rolda. Sesión vermú vespertina.

21.00. Praza do Concello. Desfile de gaiteiros. Saída dos grupos en percorrido polas rúas. Unha vez chegados á Praza, haberá distincións para dous veteranos gaiteiros e máis tocarán todos xuntos a Marcha do Antigo Reino.

22.00. Praza do Concello. Xacarandaina. Actuación do grupo de música e baile tradicional.

22.30. Praza do Concello. Capercaillie. Concerto.