«Carballo é o mellor lugar do mundo»

José García Gondar CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Jose Manuel Casal

«(...) Desde hai anos decateime dunha cousa: moitas estreliñas de mar varadas na praia? que ao día seguinte estaban mortas xa que ninguén as salvaba. Comecei a recollelas, unha a unha e devolvelas ao mar? e a pedir colaboración: ?Axudádeme a facer o mesmo?. (...)»

25 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Nacín o 31 de maio de 1943 no lugar de Vista Alegre, da parroquia de Oca (A Estrada). O 18 de decembro de 1965, con 22 anos, recibín o sacramento do Orde sacerdotal. Celebrei con moita emoción as vodas de ouro sacerdotais dando grazas a Deus polos 50 anos dun cura feliz. Despois de dous anos en Pontedeume e catro en Santiago, na parroquia de Salomé, levo de cura de

Carballo 45 anos, desde o 1 de agosto de 1972, onde cheguei con 29 anos.

Síntome feliz en Carballo. Aínda que non nacín aquí, nesta terra botei raíces profundas e considérome carballés de corazón, fillo adoptivo e pai-avó de moitas xeracións de carballeses. Aínda que tiven oportunidades de cambiar, incluso durante os doce anos de vicario episcopal da Coruña, continuei servindo a Carballo coa axuda inestimable de Manuel Rodríguez… Aquí quero seguir servindo ata que o Señor me chame e ser enterrado onde tamén sepultei aos meus pais e con todos os carballeses a quen dei cristiá sepultura.

Sempre digo, plenamente convencido, que Carballo é o mellor lugar do mundo para vivir e cando alguén fala mal de Carballo reivindico a boa fama, dicindo que somos «boa terra e mellor xente». Porque temos:

-O mellor pan.

-O mellor patrón San Xoán Bautista, de quen dixo Xesús «ninguén máis grande nacido de muller…»

-Sobre todo a mellor xente, de corazón grande, bos e xenerosos

-E a mellor praia: Razo…

Desde que cheguei a Carballo namoreime da praia de Razo. Dedicábame a pasear, a tomar o sol, a recoller ollos de boi, a rezar e a pensar… (moitas das iniciativas e proxectos para cada curso aí naceron). A Razo invito á familia, aos amigos, ao cardeal Rouco e aos bispos de Galicia...

Desde hai anos decateime dunha cousa: moitas estreliñas de mar varadas na praia… que ao día seguinte estaban mortas xa que ninguén as salvaba. Comecei a recollelas, unha a unha e devolvelas ao mar… e a pedir colaboración: «Axudádeme a facer o mesmo». Moitos respondían «non ves que é perder o tempo, son milleiros as estrelas, ademais nas próximas mareas volverán á praia, mira… Mellor é tomar o sol.., ou estar tomando unha caña na terraza do Cordobés. Non te dás conta que a praia ten moitos quilómetros e que hai milleiros de estrelas na beira. A túa é unha batalla perdida. Non podes salvalas a todas».

A quen así me fala, dígolle que hai tempo para todo, e respondo agachándome, collendo unha estreliña devolvéndoa ao mar e dicindo «para esta si valeu a pena… Está salvada». E sen desanimarme ano tras ano, sigo invitando a colaborar e facer o mesmo.

Con que satisfacción e gratitude comprobo que foron e son moitos os que aceptan a invitación e se embarcaron nesta tarefa ilusionante de salvar estreliñas da mar, devolvéndoas ao mar da vida para que non morran na beira.

Lembro con gratitude a tantísimos xenerosos e leais colaboradores, catequistas, voluntarios de Cáritas… que desde o comezo veñen dedicando tempo, corazón, esforzo e axuda material ás tarefas da parroquia. Que Deus volo recompense. Así conseguimos entre todos «salvar tantas estreliñas», vivindo como propios os problemas, alegrías e sufrimentos de todas as familias, tantas horas dedicadas á catequese e ás actividades xuvenís, tantas celebracións da misa e dos sacramentos. Foron 6.720 bautismos, 6.628 primeiras comuñóns, 5.410 confirmados, 2.305 casamentos, 3.281 falecidos, especialmente a fraternidade xenerosa manifestada a través do servizo exemplar de Cáritas. «Acoller, abrir portas e construír Igrexa» é o lema da miña vida sacerdotal.

Entre todos fixemos moitas obras materiais: construímos a igrexa e complexo parroquial, a capela da Brea, o santuario de San Cristovo, a recuperación do edificio do Centro Social, e da capela da Milagrosa, todos os locais que albergan os servizos e programas de Cáritas (Centro de Día para Maiores, Albergue Transeúntes, Fogar Dona Basilisa, Casa de Acollida…).

«Acoller e abrir portas». Así o proclamamos nas dúas pancartas que colocamos con motivo dos 40 anos da bendición da igrexa: «Esta igrexa ten as portas abertas, onde todos poden sentirse acollidos, amados, perdoados e invitados a participar na eucaristía». «Queremos que este templo sexa unha casa solidaria para compartir, un oasis de silencio e oración, un hospital de campaña para curar as feridas da alma». E así queda reflectido na apertura do adro parroquial: dous brazos que acollen, o mural do Pai que sae o camiño a buscar ao fillo, a imaxe de María Nai da Misericordia ao pé da cruz de cada fillo…

Foron moitas as cousas que levamos feito entre todos, pero fundamentalmente a miña preocupación é a de toda esta Comunidade son as persoas: salvar estreliñas. Porque «as cousas son importantes, pero a xente o é máis» que cantamos de mozos con Viva la gente.

Moitas grazas, Boas festas. E feliz verán en Razo.