«A miña terra bergantiñá querida»

CARBALLO MUNICIPIO

Jose Manuel Casal

Pregón íntegro de Ángel Carracedo en el San Xoán

24 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes meses tocoume dar conferencias por todo o mundo; mesmo onte tiven que dar unha en Madrid e non había tanta xente como hoxe [mércores] -non contaba con tanta, estou abraiado-, pero era unha conferencia para os mellores científicos do país e mentres a daba pensaba: «Isto si que é fácil, pero que lle vou contar eu á xente de Carballo, iso si que é moito máis complicado». E tamén pensaba: «Como esperen que eu como pregoeiro diga algunha cousa divertida, cagueina directamente». O culpable de que estea aquí hoxe, e así llo teño que agradecer, é o alcalde Evencio que insistiu moito; os segundos -aparte da comisión de festas- , e máis culpables aínda, son os meus fans do Brañas, que non sei como, pero sabían que o ano pasado non puidera vir así que me escribiron todos dicíndome que este ano non podía faltar; e eu, con esa presión, non podía dicir que non, aínda que os pregóns me dan moito traballo.

Este é o terceiro pregón de festas que dou na miña vida e vai ser o último. Non porque pense en morrer; o que pasa é que un unicamente da pregóns nos sitios aos que un quere. Xa din o de Santa Comba, a miña terra natal; o das festas do Apóstolo do ano pasado en Santiago, a miña terra adoptiva, e este tiña que ser aquí en Carballo, que é a miña terra bergantiñá querida, que non sei que me pasa con ela, pero canto máis estou aquí máis me gusta estar. Tal vez é cousa de familia porque como moitos sabedes os Carracedo de Santa Comba somos orixinarios de Rus: meu avó e padriño, Celestino, casou cunha rapaza de Santa Comba, a miña madriña Dolores, e así aparecemos os Carracedo xalleiros, pero somos de aquí. El presumía moitísimo de ser bergantiñá; ríase moito de como falabamos os de Santa Comba, do noso galego, que é castrapeiro total (falades moito mellor os de aquí) e do noso seseo. Sempre falaba da súa terra, e non sei como tardei tanto en recuperar as miñas raíces bergantiñáns e dar de novo coa miña familia de aquí: os meus queridos tías, tíos e curmáns de Entrecruces e San Paio: un bico para vós, quérovos moitísimo, sodes unha familia marabillosa.

Herdanza dos avós

Non sei se dos meus avós herdei a paixón pola ciencia, pero si a importancia do traballo e da solidariedade: Na casa dos meus avós sempre había sitio para todo o que chegara e non había pobre de Carballo ou Santa Comba ao que non se lle dera unha cunca de caldo, ou xente que tivera unha necesidade á que non se lle intentara axudar co que se tivera. Na nosa casa de Santa Comba, na casa do meu padriño de Rus, non había pobre, non había necesitado, non había xente que non comera con nós; sempre tiñamos xente no xantar e isto foi o que me transmitiron e o que trato de facer todos os días co meu esforzo e cariño cos que sofren. Ás veces non son quen de axudarlles cos seus problemas médicos, pero sei que investigando a reo poderemos un día chegar a facelo. E neste contacto cos pacientes tamén descubrín aquí en Carballo a pais e nais que son un exemplo polo que fan con fillos con problemas, e vexo algúns deles aquí: os pais de Clara, das xemelas... Son un exemplo e teñen toda a miña admiración e todo o meu agarimo. Nos últimos anos tamén vin moito ás terras de Bergantiños por temas educativos, para tratar de axudar aos mestres e motivar aos rapaces, como hoxe pola tarde, que estiven con rapaces de toda a comarca de Bergantiños para axudarlles a tomar decisións en momentos difíciles da súa vida e reflexionar con todos sobre como ten que cambiar e mellorar a educación.

Aquí descubrín experiencias educativas das que podedes estar moi orgullosos, como a Feira das Ciencias, e a mestres admirables como Josefa, Liso e José Antonio Viña, que tiña que seguir dando clase e non xubilarse nunca. E a moitos rapaces e rapazas, como os meus fans do Brañas que me conquistaron desde o primeiro momento. Un bico para eles e tamén para os meus tíos de Santa Comba, que acabo de descubrir que están aquí, e aos que tamén quero tanto. De vez en cando escollo un rapaz para apadriñalo e mirade que vou por toda Galicia, pero os últimos son todos de Bergantiños: si que está aquí Ana López Penedo, e a verdade é que supón unha alegría para min ver como triunfa en medicina e como está a ser unha das mellores estudantes deste ano: estou moi orgulloso dela: un bico. Precisamente aos rapaces do Brañas pregunteilles: «¿Que vos gusta máis das festas do San Xoán que teño que dicir algo no pregón?». E o que descubrín foi o esperado: aos rapaces de Carballo o que máis lles gusta son as rapazas de Carballo, e ás rapazas de Carballo o que máis lles gusta son os rapaces de Carballo.

Eu non sei moito destas festas de San Xoán porque a vida levoume, como ben saben os meus fillos, polos San Pedros. Ademais en Santa Comba o San Xoán tamén era moi importante. Para min o máis importante eran as cachelas: os de Santa Comba do sur competiamos cos de Santa Comba do norte e cos de Santa Catalina a ver quen a facía máis grande e tiñamos que traballar desde un mes antes ou máis para apañar todo canto había.

O Descenso e o Bosque

Os rapaces tamén me contaron que das festas o que máis lles gustaba, logo do sexo oposto, eran as cachelas e as churrascadas e sardiñadas e preguntáronme moito se eu era de churrascada ou sardiñada. Non sabía que había competencia. E tamén explicaron que lles gustaba moito o descenso do Anllóns. Agora estou lesionado, pero un ano destes anímome a participar. E o que máis me alucinou despois de falar con eles foi a Festa do Bosque; prometo vir este ano porque non me digades que non é o máximo ter a 111 edición do campionato de baixada de augas doces de barcos de papel.

Vou rematando meus queridos veciños, meus amigos de preto e de lonxe. É tempo de festa e de ledicia e pídovos que manteñamos o ánimo positivo que agora temos; as cousas boas atraen cousas boas e como dicía a miña avoa xalleira e querida madriña Dolores, os que abren os brazos reciben abrazos, así que espero que sexan estas festas un revulsivo do noso espírito, que veñan tempos de apertas, de concordia, de solidariedade e de benestar. Abride os brazos e entregádevos aos abrazos, non hai nada máis humano que apertarse. Bergantiñáns, forasteiros, gozade das festas e do meigallo de Carballo, gozade da foliada e das actividades, gozade da musica, empezando por mañá: que sorte que ides ter a Bustamante, que sei que moitas rapazas e non tan rapazas están desexando velo. Que honra ser o seu teloneiro.

E mozas e mozos, para os novos: coidado cos amores destes días que o feitizo de Carballo tamén e traizoeiro como me contabades moitos de vos, e logo veñen os desenganos. Pero antes de nada, rapaces, gozade, que estades na idade, que xa remataron todos os exames posibles e que a vida son dous días, as noites curtas, e desfrutade destes días e da vida. A todos vós, apertas a bicos, e longa vida a Carballo e á súa xente. Benvidos ás festas.