Unha presentación e varias novidades

La Voz

CARBALLO MUNICIPIO

O Casino de Carballo acolle hoxe a Diana Varela e ao seu «Fin de Festa»

25 may 2017 . Actualizado a las 13:13 h.

Hoxe preséntase «Fin de Festa», de Diana Varela Puñal, en Carballo • 20.30 horas • Casino de Carballo • As letras están de noraboa e tres autores da Costa da Morte son os responsables. Unha é Diana Varela Puñal, escritora cormelá que hoxe mesmo presentará no Casino de Carballo a súa novela Fin de festa, da que vén de saír a segunda edición. Segundo conta a propia obra, trátase dunha especie de homenaxe «ós feos, ós perdedores, ós desposuídos», a aqueles que non poderán deixar constancia de si neste mundo no que só se valora o éxito a calquera prezo. «Retratos de sombras», historias do underground da man da editorial Laiovento que poderán coñecerse mellor esta tarde, no Casino de Carballo, a partir das 20.30.

De estrea anda tamén a ceense María Canosa, posto que en abril saíu á rúa (editorial Xerais) a súa obra Cazadora de Estrelas, finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil 2015-2016: esta é a historia de Megumi (cazadora infalible e fantástica amazona) e da egua Turrón. As ilustracións da obra son de Dani Padrón. Nova proposta literaria pode un atopar tamén da man doutro cormelán, Suso Lista: Charamuscas é a terceira entrega dunha especie de triloxía de relatos que iniciou con Salseiros e logo continuou con Xeixos, coa editorial Embora. Historias cargadas de salitre.