Londras


Das primeiras imaxes que gardo do Londres dos 70 é unha enorme guía á venda que había nun quiosco da beira de Picadilly Circus, tirando xa cara Picadilly Street (os emigrantes de vello en Inglaterra saberán recoñecelo), que poñía Londra. Londra. Para min a londra, ou lontra como dicían algúns na miña parroquia, era o bicho que vía ás veces por parellas alí no Prado do Xunco, cerca da présa do Campo do Río, mentres tornaba as vacas para que non entrasen no herbal do lado. É curioso: só había uns paus dunha sebe para delimitar a propiedade, e os animais debían trenzar liñas imaxinarias para definir os límites e saber que non debían pasar, agás a típica lista que pensaba que eu non a vía porque estaba mirando para a auga.

As londras sempre formaron parte da nosa nenez, cando os ríos eran máis grandes e ían máis limpos, malia aos que limpaban o xurro neles. Tal era a forza da auga. Pero pensei que desapareceran. Ou que se concentraran todas nunha especie de Atlántida fluvial, se cadra polo Allo, máis separadas de casas e homes para perpetuarse en silencio.

Deberon volver. O domingo, falando con varios troiteiros, daban fe de que de vez en cando aparecen. Mesmo un me dixo que hai unha polo menos no San Martiño de Carballo. Poden ser xa a cuarta xeración das dos meus tempos. Téñeno complicado: agora compiten con furóns, con visóns, con denosiñas (como antes) e ata con cormoráns polas troitas. En xeral, a vida fíxose máis dura para todos dende aquela época.

Por certo, aquel quiosqueiro era italiano. Durante case 12 anos vendeume prensa española. Un ano desapareceu. Igual volve, como as londras.

Votación
1 votos
Comentarios