Imagen:

Si aos deberes, pero con mesura, e xeral desprezo á Lomce

Noventa estudantes de distintos puntos de Galicia argumentaron a favor e en contra das tarefas na casa


carballo / la voz

Manet compartiu onte espazo con Einstein e con Eva Bailén (nai que puxo en marcha unha campaña contra os deberes) nos debates celebrados no Pazo da Cultura de Carballo, ao amparo do chamado Club de Debate, iniciativa dos servizos de normalización de varios municipios galegos. Os alumnos participantes, de centros educativos de Ferrol, Oleiros, Teo, Vedra e Carballo -o Isidro Parga Pondal-), tiveron que buscar argumentos a favor e en contra das tarefas escolares na casa, o que non foi fácil. Así o recoñeceu Cristina, de Vedra, do equipo que quedou en primeira posición.

Cando lles presentaron o tema, todos estaban en contra, pero chegaron á conclusión de que eran o mellor para os alumnos, pais, profesores e sociedade en xeral. Polo menos, cerca xa das dúas da tarde, cando se enfrontaron ao Partido Pondaliano, un dos equipos do Parga Pondal (o outro era Xuvengalia).

O round das 13.50 horas foi un dos máis vistosos e combativos. Os estudantes metéronse tanto no papel que o presidente do xurado, Ramón Vilar, tivo que chamarlles a atención un par de veces para que se ativeran ás normas. Para Cristina e os seus compañeiros, os deberes inculcan responsabilidade, axudan a planificar o tempo libre, acercan ás casas información sobre os estudos, reforzan o traballo da aula e axudan aos profesores a saber cales son as dificultades dos alumnos. O que vén sendo a panacea universal. ¿Ou non? Valeria e Álex, do Parga Pondal, opuxeron a vida de Manet, que non rematou os seus estudos, descubrimentos en neurociencia, e responsabilizaron aos deberes de ser a causa do fracaso escolar e de abrir unha fenda entre os nenos ricos e os pobres. Non obstante, non houbo maneira de botar abaixo a argumentación dos de Vedra, máis soltos, con maior convicción. Pese a todo, si houbo acordos. Todos coincidiron en que os deberes son demasiados e aburridos, aínda que a responsabilidade diso quedou repartida entre a lexislación educativa, que todos coincidiron en dicir que era moi mala, e os profesores, sobre todo para os do Parga Pondal. De Singapur a Finlandia e de Corea a Francia, as horas de deberes e o éxito educativo foron usadas como armas coma contra os contrincantes, pero tamén a taxa de suicidio entre os menores de 23 anos, entre outras cuestións.

Andrea e Alba, de Xuvengalia, tiñan que defender os deberes, pero fixérono de forma tibia, argumentando que son bos, sempre con mesura. Este equipo do instituto carballés enfrontouse ao Compañía de María de Ferrol, un centro concertado, polo que, segundo a estatística que esgrimiu Jorge, un dos seus alumnos, as tarefas que mandan os profesores para a casa son moitas máis que nos colexios públicos. «Non vos queixedes», espetoulles aos contrarios na súa intervención. Cambiar o sistema educativo para que haxa deberes creativos que favorezan a investigación, que permitan levar á practica a teoría aprendida na clase e que permitan a socialización con tarefas en grupo son obxectivos que todos firmarían. Tamén parecían dispostos a aceptar que os deberes supoñen repetición, algo que todos odian. Álex, do Parta Pongal, retou a David, de Vedra, a atopar outro modo de aprender a facer ecuacións. Ningún o encontrou, polo que houbo consenso en que no caso das matemáticas non queda máis remedio que practicar moito. Pero tamén en pintura, polo que Manet si fixo deberes. No Pazo había onte 90 escolares. Era unha fase de zona do Club de Debate e acadaron as maiores puntuacións o CPI Plurilingüe de Vedra e o IES Leixa.

Votación
1 votos
Etiquetas
Carballo municipio Oleiros Teo LOMCE Reforma educativa de Wert Francia Finlandia Singapur Vedra Ferrol ciudad
Comentarios