Seis artistas reabren o curruncho máis musical de Carballo

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Jose Manuel Casal

A biblioteca Rego da Balsa celebrará a partir do 4 de marzo a segunda edición do seu ciclo de concertos en vivo

24 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Coa lembranzas aínda frescas do éxito da primeira edición e do impacto de actuacións como a de Emilio José o Concello de Carballo disponse a encher de novo a biblioteca Rego da Balsa de música co Curruncho Pop. O programa deste ano está composto por cinco veladas que se celebrarán outros tantos sábados, ás 20.30 e con entrada de balde, aínda que haberá que solicitar as invitacións na biblioteca, no 981 758 850 ou en biblioteca@carballo.gal. «Non é un formato dirixido só a adultos, senón que polo espazo e o horario está dirixido a todos os públicos», explicou o edil de Cultura, Marcos Trigo. «Un curruncho sempre é un espazo especial, con encanto», engadiu Evencio Ferrero. O alcalde carballés desexou que a segunda edición repita o éxito da primeira e que consolide así o dobre acerto que supón a biblioteca Rego da Balsa: pola seu «deseño» e «sobre todo por ser un espazo de portas abertas a o conxunto da sociedade».

4 de marzo

Javier Colis + Psychofonía. O ciclo arrancará cunha dobre sesión. Javier Colis presentará en Carballo o seu disco Nadie en el espejo e Psychofonía é o novo proxecto do carballés Suso Serrano (Lowcos) e o santanderino Nacho Ferreiro, no que deixan ver influencias de xente como Nick Cave ou Surfin’ Bichos.

18 de marzo

Víctor Coyote

Pioneiro do rock latino con Los Coyotes, o tudense Víctor Coyote atesoura xa unha longa carreira en solitario. No seu último disco, De pueblo y de río, inclúe versións en portugués de artistas como Roberto Carlos e Amália Rodrigues. 

8 de abril

Elena Setién + Amaparo Arias

A outra velada dobre do ciclo traerá a Carballo á cantante donostiarra Elena Setién, que presentará Dreaming of earthly things, e Amparo Arias, artista e colaboradora do festival Felipop, que mestura folk, bossa nova e pop barroco.

20 de maio

Os Amigos dos Músicos

Grupo ourensán formado por músicos de bandas como Niño y Pistola, Blood Filloas ou O Sonoro Maxín, e que xa contan cun disco homónimo de folk rock galego.

10 de xuño

Joserra Rodrigo

Apaixonado de todo o rock and roll, e de Bob Dylan en particular, Joserra Rodrigo ofrecerá un monográfico sobre o último Nobel de Literatura no que alternará explicacións, cun coloquio e algunha canción en directo.