Vello mapa

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO MUNICIPIO

25 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Lembraba a Real Academia Galega que tal día como onte de hai 150 anos falecía Domingo Fontán, o autor da Carta Xeométrica de Galicia, o primeiro gran mapa con rigor científico do país. Xa non é que non se celebren este tipo de efemérides: é que xa case ninguén sabe quen foi este home. E, se nos poñemos estupendos, creo que xa ninguén consulta os mapas, nin os de antes nin o de agora. No móbil, algunha vez, e cando xa non queda máis remedio. Co fermoso e instrutivo que é perderse nas páxinas do Atlas e navegar por elas coa imaxinación, aprendendo os nomes de sitios que non se esquecen na vida. Ou, máis de preto, os do IGN a escala 1:25.000, no que aparecen casa e camiños, regos e alturas.

Antes non era complicado atopar unha reprodución da Carta. Agora, non sei. É grande, pero manexable. Dunha ollada recibes unha lección de historia, comunicacións e toponimia. Unha foto de 1834 (pero impresa no 1845), froito de traballos iniciados no 1917. Os Baños de Carballo xa aparecen moi destacados, moito máis que a pequena aldea do lado chamada Carballo. A vella estrada a Santiago dende esta localidade, que ía por Trazo, e pola Peregrina. A de Santa Comba cara Cícere, Follente, Zas e Vilar. A falta de estradas de Baio cara a costa (Laxe estaba unido a Calo por Traba). A peculiar transcrición da toponimia (Bimianzo, Olbeira, Verdoyas). As Sisargas aparecen cunhas pedras de máis, como illotes. A ampla desembocadura do Xallas ou do Castro. Rebordelos, moi visible na costa de Carballo. A illa da Estrela en Corme, e a do Castelo en Muxía. Estas cousas nunca virán no mellor nin no máis caro dos móbiles.