La Voz pulsa o talento creativo escolar coa 13.ª edición dos Contos de Nadal

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

O concurso está dirixido a rapaces de segundo ciclo de primaria da Costa da Morte

25 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Radio Voz e La Voz de Galicia, co patrocinio de EDP Renewables e a Fundación EDP, veñen de impulsar unha nova edición do certame literario Contos de Nadal, unha cita que xa se converteu en tradición nos colexios ao chegar este tempo do ano. Van xa nada menos que 13 cursos pulsando, incentivando e recoñecendo a creatividade dos máis pequenos, que ten amosado doses de fortaleza. Esta nova entrega do concurso está dirixida aos rapaces de segundo ciclo de primaria de todos os centros escolares asentados nos municipios da Costa da Morte. Como sempre, de cara á participación, hai unha serie de requisitos para os textos: cada un dos relatos ha de ter unha extensión máxima de dous folios -similar a 1.500 caracteres-. Por suposto, e dado que xa así o indica o nome do concurso, a temática dos contos ha de estar relacionada co Nadal.

Cada colexio ha de enviar os textos correctamente identificados (nome do autor, curso e colexio) á delegación de La Voz de Galicia en Carballo (rúa Gran Vía, número 84, 1º, 15100, Carballo). Outra das opcións é que os centros entreguen os contos nos Concellos correspondentes, dado que colaboran na iniciativa e serán estes os encargados de remitilos á delegación de La Voz.

Premios

Será un xurado o encargado de ler e elixir aqueles contos que máis destaquen, xa sexa pola súa creatividade, pola súa calidade literaria ou polo seu coidado. Haberá premios para os tres que obteñan maior puntuación, así como diplomas para os que queden nos dez primeiros postos. É importante ter en conta que os contos deben estar enviados á redacción de La Voz en Carballo antes do próximo 30 de novembro.