«Estas son as nosas eleccións, decidimos o noso futuro en Galicia»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

José Manuel Casal

Di que o aumento do benestar pasa por ter maior capacidade de decisión nos nosos problemas

20 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Agora de permiso por este contexto, Belén Lendoiro (Carballo, 1963) incorporarase o luns ao instituto onde exerce a docencia. Será a xornada seguinte á das eleccións, un 25-S que ela, número dous do goberno carballés, edila de Facenda, Patrimonio, Persoal e Réxime Interior e número 6 na lista do BNG, di que ten moita importancia. «É un contexto político difícil, pero para nós é unha oportunidade. Pode parecer que a xente está cansa de tantas campañas electorais seguidas, pero é moi importante transmitir que estas son as nosas eleccións, decidimos o noso futuro aquí en Galicia. É pois a oportunidade de algo que é o noso lema de campaña: abrir un tempo novo». Percibe ánimo positivo neste sentido.

-¿Como se leva ese sexto posto?

-É unha responsabilidade grande, porque representas a unha organización política que leva moitos anos traballando na defensa dos dereitos dos galegos e galegas. É tamén a valoración do traballo feito. As persoas do BNG levamos anos traballando en institucións, dende os concellos ou a Deputación. Alí onde gobernamos nótase para mellor. Por tanto, formar parte da candidatura é tamén intentar levar o aval da experiencia aquí no goberno de Carballo.

-¿Que fixo o BNG e Carballo para que Ana Pontón poña a súa xestión como exemplo para Galicia?

-Estamos a falar de 13 anos de goberno e o lema do BNG foi sempre construír un Carballo bo para vivir. As nosas decisións políticas foron sempre nese sentido e creo que esa transformación percíbese, na remodelación urbana, na aposta pola educación e a cultura, na dinamización económica...

-¿Que desexaría este domingo?

-Gustaríame que abrísemos un tempo novo. Creo que toca facer algo distinto, abrir esa oportunidade para rematar coas políticas do PP.

-¿E que perspectivas ve? ¿En que medida valora as enquisas?

-As análises das enquisas deixan horquillas que van dende un, ningún ou ata seis deputados. Por tanto, sendo así non me atrevo eu... Como di Pontón, a verdadeira enquisa é a que se fai o 25 de setembro, este domingo. Será o día no que os galegos e as galegas dirán exactamente como queren que sexa o futuro de Galicia.

-¿E se saísen seis? ¿Como se plantexaría o seu futuro en Carballo?

-En caso de que así aconteza, celebrarémolo moito, e logo tomaríase a decisión oportuna. Pero dende logo, estamos traballando moito nesta campaña para que chegue esa mensaxe de ilusión que transmite o BNG. Definímonos como nacionalistas e de esquerdas, e nese sentido cremos que o domingo será unha oportunidade para abrir un camiño de cara a mudar as políticas que nestes momentos están agravando os problemas de Galicia. Aumentar o benestar non é posible se os galegos e as galegas non temos maior capacidade de decisión nos noso propios problemas.

Cuestionario

1. ¿Cales son as súas propostas con respecto á autovía? Hai que facer o que estaba previsto no proxecto inicial, do bipartito. Rematala. O tramo aberto chega con 7 anos de retraso . E, dende logo, espérase que non se cobre, a pesar desa peaxe na sombra que supuxo a maneira en como o PP a fixo.

2. ¿E sobre o Parque do Megalitismo da Costa da Morte? Chámeselle Parque do Megalitismo ou como se lle chame, o que hai que facer é converter o rico patrimonio megalítico desta zona nun activo económico turístico para toda a Costa da Morte. Levar adiante o xa comprometido. Tamén que a Consellería, en colaboración cos Concellos, actúe para restaurar, limpar as zonas, facilitar os accesos... Penso que iso non sería tan custoso.

3. ¿Que medidas contempla con respecto ao sector da pesca? Hai que garantir as actividades pesqueiras, actuar dunha maneira que non prexudique. A manifestación do 27 de febreiro en Santiago recollía as necesidades do sector e nese sentido creo que hai que escoitar e atender esas demandas.

4. ¿E con respecto ao agro e ao despoboamento do medio rural? O rural necesita reformas estruturais que permitan que a xente viva del. Levamos medidas para permitir que haxa desenvolvemento de produción. Que a xente poida vivir con dignidade do traballo no campo e que os mozos non teñan que marchar. A mellor medida contra o despoboamento ha de ser carácter económico.