«Non me gustan os días de solazo»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

O verán é bo tempo para probar cousas: esta foi a primeira vez que Luis se subiu a unha táboa.
O verán é bo tempo para probar cousas: esta foi a primeira vez que Luis se subiu a unha táboa. José Manuel Casal

A praia de Razo é o paraíso onde desconecta e colle folgos este ferrolán carballés que é Luis Fraga. El é o primeiro en inaugurar este tempo de «A REMOLLO»

31 jul 2016 . Actualizado a las 22:52 h.

«Bañador convencional, nada de tangas...». Luis Fraga (Ferrol, 1971) confesa que, nese sentido, el é «clasicote». Razo podería ser o seu segundo apelido -con permiso da nai- porque é para el lugar talismán. Agora que ten fixado Santiago como fogar de residencia, o paraíso está máis preto.

-¿Algunha manía na praia?

-Que haxa pouquiña xente. Eses días nos que é difícil aparcar non me gustan. Para min son mellores as primeiras horas e as últimas.

-¿Como é o seu día ideal aí?

-Comeza moi cedo porque estou afeito a erguerme cedo. Durmo en Carballo e tomo un primeiro café nun bar, cun xornal en papel. Indispensable. Collo o coche e chego a Razo, tomo un segundo café no Eirís, a veces aí xa co ordenador. Despois, un paseo ata Baldaio. Para que sexa perfecto ten que estar a marea baixa. É un paseo que hai que facer só, é como un pequeno Camiño de Santiago. Se cae un pinchiño de tortilla no Cordobés, mellor aínda. Comida coa familia e siesta no sofá: ¡Iso é de matrícula de honra! Pola tarde, cando empeza a chegar xente, gústame desaparecer. Quito o bañador, poño o vaqueiro, collo o coche... ata as 20.30-21.00 que xa empeza a caer o sol e encántame facer fotiños. Son un friki das fotos.

-¿Un friki das fotos...?

-Teño a posta de sol de Razo retratada... non sei... 500 veces. Aí cando o sol vai cara as Sisargas... O meu día ideal acaba cunha cea na casa e xogando aos chinos con meu pai nunha pizzería. O que perde paga. Ás once estou durmindo... Vida desenfreada [ri].

-¿Fotos co móbil? Sígoo no Instagram e vexo tamén que anda quizais redescubrindo Galicia...

-Co móbil, si, non teño cámara. Non imprimo ningunha. Ando co móbil precisamente por iso e en concreto polo Instagram. De paso, xa miro as outras redes...

-¿Ten Snapchat?

-Non, para Snapchat penso que xa pasei da idade... Teño o Linkedin, Blogger [mantén un blog moi coidado e alimentado], dúas contas de correo... estou moi conectado. Debería deixar algo o móbil na casa, pero... ¡Para o ano que vén! En canto a Galicia, nunca a deixara de todo, pero estando aquí podes achegarte nunha hora a Vigo ou Á Coruña. Tamén viaxo menos. Tendo aquí o que temos... Madrid [onde vivía antes] é unha cidade que me gusta, pero chega un momento no que tes que fuxir, buscar o contrario.

-¿É lagarto na praia?

-Nada. De neno si. Poñiamos a toalla, sen crema, pelabas... Agora case nunca baixo toalla. A veces si, deixo por alí as cousas e volvo, sen poñerme ao sol. Máis ben paseo [di non ser moi deportista].

-Foi pregoeiro do San Xoán 2015: ¿Como o valora pasado un ano?

-Foi un momento de inflexión na miña vida, un paso que me custou dar. Atrevinme e resultou emocionante. Dende entón saíron varias cousas ben. Non creo no destino, pero ás veces teño as miñas dúbidas: foi como un premio. Penso que se fas algo que che supoña esforzo, empezan a suceder cousas boas, un proxecto lévate a outro... Por iso téñolle gran cariño e respecto ao pregón de Carballo: dende iso digo máis ou menos si a case todo, sempre que impere o sentido común. Hai que eliminar a palabra medo do vocabulario, vívese unha soa vez.

-¿Que anda facendo agora?

-Estou alí onde haxa un proxecto interesante relacionado coa comunicación. O pregón foi ese estímulo que me faltaba. Son un neno grande cando estou dentro dun plató ou na radio, pero agora teño aí dúas afeccións que tamén son traballo porque con elas pago a hipoteca: a docencia e a comunicación empresarial. En canto á docencia, dou clase en varios másteres de xornalismo e comunicación: estiven na Camilo José Cela; o ano que vén na Rey Juan Carlos; dei clase na EF Business School de Oleiros... E hai un proxecto marabilloso, eduMOTIVAcon, onde profesionais de varios sectores faremos de titores de alumnos de secundaria de Galicia, una iniciativa da Consellería de Educación. No tema de comunicación empresarial creei un pequeno proxecto persoal e únome a outras empresas durante certo tempo: asesoría para relación cos medios, clases de oratoria, creación de contidos, deseño e presentación de eventos...

-Luis, ¿gústalle o verán?

-Non me gustan os mellores días de verán, eses días de solazo. Son máis de estacións intermedias: primavera e outono.

Para cotillas

-¿Piscina ou praia?

-Praia, praia. Á piscina algunha vez fun, pero mellor a praia.

-¿Mar ou montaña?

-Mar.

-¿Gin-tonic ou licor café?

-Licor café. [Non é que o tome a miúdo, pero di que se ten que elixir... licor café].

-¿Pulpo á feira ou á brasa?

-Á feira.

-¿Churrasco ou parrillada de pescado?

-Churrasco, e se é de porco mellor. Ou mixto, como moito. Ao churrasco de tenreira non lle vexo o chiste... Para min non é tan churrasco...

-¿SMS ou WhatsApp?

-¡WhatsApp! O SMS madre mía onde vai... Cando recibo un penso: «Isto, para o Museo da Comunicación».

-¿Lentes de sol?

-Comprei unhas para conducir, por primeira vez na miña vida. Na praia quítoos. Non ves o que hai, outra cousa é que te cegue o sol, claro...

-¿Viseira ou sombreiro?

-Non levo nada, pero non estaría mal levalo...

 -¿Panorama ou Luar na Lubre?

-Luar na Lubre. Non lle quito mérito á Panorama nin desprezo a música festeira ou comercial. Valoro o movemento das orquestras galegas, pero para ir a un concerto ou mercar o disco, quedo con Luar na Lubre.

-¿Chill-out ou chiringuito?

-Chiringuito ou bar de praia. Un cervexa sen alcohol, ou con.

-Unha festa que sexa impresdincible para vostede.

-Non son moito de festas, pero as de San Xoán (Carballo) gústame repetir. Teñen un compoñente emocional. Este ano non puiden ir e quedoume a idea de subir ao tren popof...