«O máis común é a xente que está enferma de ril e non o sabe»

v. c. / Á. P. SALUD

CARBALLO MUNICIPIO

CÉSAR TOIMIL

Os socios da entidade celebrarán este domingo no Balneario de Carballo a súa asamblea ordinaria

30 jun 2016 . Actualizado a las 23:22 h.

Alcer Coruña, a Asociación para a Loita Contras as Enfermidades de Ril, visita Carballo este domingo para celebrar a súa asemblea xeral ordinaria. Terá lugar no balneario (11 horas) e tras a xuntanza os asistentes poderán facer uso das instalacións do centro, onde haberá un obradoiro de meditación, un xantar e unha sobremesa de cante e baile. «Temos que dar o noso agradecemento ao balneario porque nos presta os seus servizos e nos facilita o xantar a un prezo que sería imposible de obter se fósemos unha entidade privada ou de xeito individual», explicou onte en Radio Voz Rafael Rodríguez, responsable desta entidade con 400 socios.

-¿Como axuda a asociación aos doentes?

-A asociación intenta que aquelas persoas que teñen unha enfermidade de ril e as súas familias manteñan se é posible o proxecto de vida que tiñan antes ou, aínda que iso é máis difícil, que o mellore. Para elo dispoñemos como calquera outra entidade dun traballador social, servizo de atención psicolóxica, orientación laboral, varios programas de exercicio físico e, por suposto, de actividades de ocio.

-¿Cal é o caso máis común do enfermo de ril?

-O máis común é a xente que está enferma e non o sabe, aínda que pareza mentira. Os datos oficiais do Sergas é que o 10 % das persoas en Galicia teñen síntomas nefrolóxicos que poden ser considerados como enfermidades de ril. Pero cando xa estamos en tratamento de ril substitutivo o máis abundante é a hemodiálise, que se realiza nun proceso de catro horas seguidas, día si día non e para o resto da túa vida a non ser que teñan un transplante. Ademais, hai outras complicacións, como é a inxesta de líquidos porque hai que recordar que unha persoa en hemodiálise en xeran non ouriña e polo tanto non pode beber ou pode beber moi pouco. Coñecemos persoas que levan 19 anos en hemodiálise e sobreviven, pero a calidade de vida non é moi boa.

-¿Hai moitos socios na Costa da Morte?

-Hai moitos. Temos a mesma porcentaxe de socios que de Ferrol, Narón, A Coruña ou Santiago porque a insuficiencia renal non é pandémica por zonas. Ese é tamén un dos motivos de que fagamos esta xornada en Carballo.