Orgullo de lingua e de Carballo

lucía díaz platas

CARBALLO MUNICIPIO

ana garcía< / span>

«Tiven a sorte de nacer en Carballo e de criarme nunha familia na que un dos piares básicos da miña educación foi a cultura. E parte indiscutible de calquera cultura é a lingua»

28 jun 2016 . Actualizado a las 12:06 h.

Debido ao recente que está o Día das Letras Galegas, deume por pensar en que situación se atopa a nosa lingua no século XXI. ¿Aínda seguiremos arrastrando esa diglosia tan arraigada nas xeracións anteriores?

O homenaxeado foi Manuel María, un dos grandes que loitou por defender o noso idioma como símbolo de identidade. El dixo: «O idioma é a forza que nos xungue e sostén, ¡se perdemos a fala non seremos ninguén!».

Tiven a sorte de nacer en Carballo e de criarme nunha familia na que uns dos piares básicos da miña educación foi a cultura. Parte indiscutible de calquera cultura é a lingua.

Pasei anos traballando en Valencia e o que máis me chamou a atención nun primeiro momento foi como defenden os valencianos a súa cultura e a súa lingua, e despois pensei: ¿Por que me chama a atención algo que debería ser innato? A maioría dos pobos defenden a súa identidade como algo único e marabilloso. Se me chama a atención será que nós non o facemos tanto.

Como en todo, hai opinións para todos os gustos, pero decateime de que fóra din que falamos cantando, ás veces cun significado pexorativo. Creo que temos un acento doce e singular, nin máis nin menos que outros acentos como o andaluz ou o catalán, por poñer algún exemplo. ¿Por que avergonzarse del? Estando fóra de Galicia dicíanme que estaba perdendo o meu acento, pero dicíanmo coma se fose un piropo, un halago. E eu en seguida saltaba para negalo intentando forzar o meu propio acento. Supoño que non quería renunciar a parte da miña identidade estando a mil quilómetros do meu fogar.

Como xa dixen, hai de todo, pero tamén teño amigos e coñecidos que pretenden todo o contrario, perder o acento ou disimulalo. De forma inconsciente ou consciente ségueno vendo coma un defecto. Creo que na época na que estamos isto non debería suceder.

Sempre que me preguntan digo que son de Carballo. Moitas veces, sobre todo na Coruña, cando digo de onde son, alguén que me acaba de coñecer dime: «Ah, pues no pareces de Carballo», e outra vez como se fose un piropo. ¿Onde esta o malo en ser de Carballo? Contéstolle que non se me nota porque deixei as vacas aparcadas na porta ou que tranquilidade, que antes de despedirme devolvereille a carteira. ¿Por que ese sentimento despectivo? Xa un intelectual como Camilo José Cela escribira: «Así, os de Carballo son chamados moinantes, é dicir, persoas que andan polas feiras, vilas e aldeas, ás veces vendendo, ás veces enganando a xente de moitos modos e maneiras». Cela definira moinante coma habitante de Carballo. Non pasaría nada se un dos significados de moinante recollido no dicionario non fóra: «Persoa que anda en negocios pouco claros, amiga de enganos e da vida vagabunda».

Igual que hai tempo no propio dicionario da RAE unha das afeccións de gallego era «tonto». Se esta definición pexorativa fose para un catalán o un vasco, ¿pasaría desapercibida? ¿Ou levantaríanse para protestar por algo que considerarían insultante? Creo que en parte a culpa é nosa, no fondo como nos vemos como sociedade e o que proxectamos. E non podemos pretender que nos respecten fóra se non o facemos primeiro nós mesmos.

Poderíamos buscar na nosa historia mil xustificacións para a situación na que nos atopamos. Todos sabemos que a nosa lingua foi reprimida durante moito tempo, e se noutros pobos foi a nobreza a que fixo de mecenas da lingua e a mantivo, no noso caso foi todo o contrario, quizás en parte por iso en moitos casos deixamos o castelán para actos oficiais e importantes e relegamos ao galego para un ámbito máis rural e familiar. Pero tamén creo que esa época xa pasou, que estamos nunha sociedade moi avanzada e tecnolóxica, e que nós debemos avanzar con ela.

A min falar dous idiomas dende pequena serviume de moito, aprendín outras linguas romances moito máis rápido que compañeiros meus que non tiveron a sorte de nacer nunha comunidade bilingüe. E non o digo eu, senón a ciencia. Hai múltiples estudios científicos que demostran as vantaxes de ser bilingüe, entre elas que as persoas bilingües dende a infancia son persoas multitarea. Tamén se demostrou que cambiar dun idioma a outro resulta ser un estímulo para o cerebro, de maneira que este fabrica unha especie de reserva cognitiva. De feito, falar dous idiomas retrasaría a aparición de enfermidades neurodexenerativas coma o alzhéimer ata 4 anos.

Xa que temos esa sorte de ter dúas linguas, debemos de coidalas por igual e mantelas para que as novas xeracións tamén poidan disfrutar delas e das súas propiedades curativas, incluso de enfermidades ás que os fármacos non chegarían.

DNI

Lucía Díaz Platas. Carballesa, ten 28 anos e é licenciada en Farmacia. En setembro lerá a súa tese doutoral sobre a enfermidade EPOC. Traballa no hospital de Oviedo en radiofarmacia, que é a súa especialidade. Empezou con ela no FIR (o MIR dos farmacéuticos), cando fixo a residencia en Valencia, en radiofarmacia, sobre isótopos radioactivos para o tratamento do cancro, diagnose por imaxe ou medicina nuclear.

«Non podemos pretender que nos respecten fóra se non o facemos nós mesmos primeiro»