Traxes que gardan a vida do país

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

O Pazo carballés acolle dende onte unha mostra de raíz

13 may 2016 . Actualizado a las 10:42 h.

Hai xa 30 anos, cando era un mozo de vinte, Alberto Golpe Beceiro (Ferrol) comezou a ir aldea por aldea. Aquí e alá, por Galicia. Tamén por Bergantiños e Carballo, terras que segue considerando «máxicas» e ás que lle gusta volver. Recollía cantos e bailes, como parte dunha agrupación cultural, e á vez que se facía con ese patrimonio oral e cultural, ía recuperando tamén pezas de roupa e traxes tradicionais galegos. Os xenuínos, os verdadeiros: son «as mellores galas». Parte do resultado de tantos anos de traballo pode verse dende onte e ata o 5 de xuño no Pazo da Cultura carballés. Baixo o título de O traxe do país. Poñendo en valor o noso traxe tradicional, son unha vintena deles, todos parte da colección privada de Alberto -gárdaos na súa casa- e tamén con algunha peza da colección de Antón Méndez.

A exposición, dixo Golpe, trata de centrarse máis ben no recollido na provincia da Coruña. Chega a Carballo da man da asociación cultural Argazo, da cal é presidenta Ana Nogareda. Así, ademais de Malpica ou Coristanco, así como doutros puntos de Bergantiños, hai traxes de Muros, Compostela ou Betanzos. Tamén, máis alá da Coruña, de Portomarín, Abadín, Vilalba ou Castro de Rei. Precisou Alberto que con «traxe antigo» se refire a aquel que é anterior ao 1900, en tanto que a exposición mergúllase na vestimenta de dous séculos: XVIII e XIX. Foi no 1900, coa Revolución Industrial, cando ás feiras empezaron a chegar outros tecidos, «tecidos da transición» (1900-1920), o cal rematou en certo modo coa estética que había antes. Dos vinte traxes, aos que Alberto quere coma se fosen fillos (el mesmo se encarga da fabricación dos maniquís e incluso ten tear e buscou tecedeiras), dous destacan pola súa antigüidade: un do Carballiño, do 1850, e outro de Cedeira, do 1880. Hai na mostra pezas orixinais e reproducións moi documentadas (tamén en base a cadros de autores como Álvarez de Sotomayor) nas que, segundo contou Golpe Beceiro, tratou de respectar ao milímetro cores, tecidos, colocación, pezas, volumes... ¡As mulleres chegaban a levar ata 7 saias!

Comunidade

Segue coa recollida, en tanto que a través das novas tecnoloxías e das redes sociais (Foro do Traxe Tradicional Galego) teñen formado unha comunidade interesada na posta en valor destes elementos que gardan a alma e a vida dun país. Foi aí onde Ana Nogareda coñeciu a Alberto e, dixo ela, «vin o ceo aberto», aludindo á súa paixón polos traxes. Na inauguración, o edil de Cultura Marcos Trigo agradeceu a preocupación de ambos pola recuperación deste patrimonio. Nogareda incidiu no esforzo de Alberto, un dos maiores investigadores de Galicia, por recoller o traxe real e non tanto o folclórico que a veces se coñece, deturpado polo feito de que moitos grupos apostasen por eses chamados tecidos de transición e non polos orixinais verdadeiramente.

O dono da colección incidiu na necesidade de divulgar esta parte da nosa historia, pezas populares. Se non sei fai, dixo, en 5 ou 10 anos xa non se lembrarán. Iso, pese á dificultade da instalación dunha exposición así, con teas delicadas que precisan unhas condicións de luz especiais, o que dalgún xeito tamén dificulta un museo. Ademais da exposición física, unha pantalla amosa o interior dos traxes, o que non se ve a simple vista. Hai estéticas de casamento, de traballo e tamén deses domingos da Galicia rural: a mostra pode visitarse de 17.30 a 20.30, de luns e domingo (venres e sábados, o guía é o propio Alberto). Nogareda deu as grazas ao Concello pola acollida e o alcalde, Evencio Ferrero, falou no nome de todos para recoñécerense «privilexiados de poder compartir estas xoias». Xoias que permaneceron case inalteradas dous séculos e recuperadas para o futuro.