Os centros da Costa da Morte levan unha ducia de iniciativas aos encontros que deron comezo onte na Coruña
27 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.As instalacións da Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED) na Coruña e do Conservatorio Superior de Música desa mesma cidade abriron onte as súas portas a un foro de encontro entre representantes do sector educativo que proseguirá hoxe e o 5 de maio e no que a Costa da Morte ten un papel moi destacado.
Na xornada inaugural (dedicada aos premios de innovación educativa) desta iniciativa promovida pola Consellería de Educación e o Centro de Formación e Recursos da Coruña baixo o título de Compartindo boas prácticas. Encontros de intercambio de experiencias educativas houbo xa tempo para coñecer dúas experiencias nacidas nas aulas da comarca. José Manuel Costa Valiño e Alfonso Valeiro Domínguez, do IES Monte Neme (Carballo) falaron dun proxecto galardoado no eido da Formación Profesional e Cristina Paris, do CEIP Canosa-Rus (Coristanco), detallou outro no ámbito das accións desenvolvidas desde as bibliotecas escolares.
O programa para hoxe
A presenza da comarca multiplicarase hoxe coa presentación de outras 12 iniciativas repartidas en tres das catro mesas simultáneas que se desenvolverán entre as 17 e a las 21 horas. Na de educación infantil catro dos oito proxectos serán da zona: Silvia Abrodos e Inés González presentarán Emocións, tic e tac (unha iniciativa conxunta do CPI O Cruce, de Cerceda, e o Xesús San Luís Romero, de Carballo); Verónica Guardado, Sementando igualdade no rural (Canosa-Rus, Coristanco); Sandra Cousillas e María Elena Franco, A edición de vídeos (CRA Nosa Señora do Faro), e representantes do colexio Milladoiro (Malpica) falarán da súa Aula de cociña.
Na mesa de primaria serán tres as iniciativas da comarca sobre un total de oito: Carmen Andrade e Begoña Sieira expoñerán O horto dos pequenos emprendedores (CEIP Fogar, Carballo); Verónica González, Mellora da lectoescritura traballando por estacións (CEIP Labarta Pose, Baio), e Esther Fernández e Ismael Romarís, O emprego da educación na atención domiciliaria (Eduardo Pondal, Ponteceso).
Máis nutrida aínda será a presenza dos representantes da Costa da Morte na mesa de secundaria con 5 das 9 iniciativas. O IES de Ponteceso farao, ademais, por partida dobre con Manuel Varela explicando os Cadernos de campo en secundaria, e Isabel Segura e Xabier Rodo facendo o mesmo co proxecto xeolóxico Esta é a nosa historia. Os últimos 600 millóns de anos da nosa comarca. Mariví Mouzo acudirá en nome do IES Pedra da Aguia (Camariñas) con Palillart; Manuel Maseda e Xosé Luis González presentarán a Regueifesta do IES Maximino Romero de Lema (Baio) e Chelo Trillo e Bibiana Bértoa darán a coñecer a Olimpiada cultural O saber ten premio do IES Fernando Blanco de Cee.