«De vinte e pico anos quedan moitos amigos»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

J. M. CASAL

A xa expresidenta do Comité de Irmanamento de Carballo con L'Isle Jourdain fai un balance moi satisfactorio do seu tempo ao fronte da entidade

09 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Logo de 21 anos de traballo, contando sempre cun bo equipo, Carmen Rives deixou a presidencia do Comité de Irmanamento de Carballo con L'Isle Jourdain. Ten sido (é) activa organizadora, traballadora e tertuliana de Radio Voz. Agora enfronta un novo tempo que, en realidade, non o é tanto.

-¿Como foi este cambio? ¿Era algo no que xa viñan pensando?

-Claro, non ía deixalo así no aire [ri], xa o viñamos pensando dende había un tempo. Ana, a nova presidenta, xa estaba de secretaria, e tamén a nova secretaria, Cristina Castro, estaba xa no comité. Que teñan agora cargo na directiva, entraron de novas Ana Rosa Juárez e a tesoureira, pero a maioría dos que colleron o relevo xa tiñan vínculo de antes.

-¿Quédalle pena ao deixar estes 21 anos de presidencia do comité?

-Pena non me queda ningunha, porque eu xa levaba moitos anos, así que ao contrario. Quedan moitos amigos, aquí e tamén alá. En vinte e pico de anos pasáronse moitas cousas, imaxina. Para min, en realidade, non cambia tanto, só o feito de que agora terei que facer algunha cousa menos, menos responsabilidade, pero se precisan algunha cousa de min, eu vou estar sempre aí.

-Si que dan para vinte anos, si...

-Para moitísimo. Fixéronse moitas actividades. Nós [a parte carballesa] estivemos alá, xente de alá estivo aquí... Fixéronse moitas amizades entre as familias.

-¿Cal é o segredo para manter activa e viva unha entidade durante vinte anos? Porque se ve que a nova xunta directiva do comité tamén vén con ganas...

-¿O segredo? Pois facer cousas todos os anos, nos dous lados, seguir cos intercambios, manter unha continuidade. Hai un libro, de Daniel González Palau, que recolle todos os irmanamentos de Galicia, e aí está o de Carballo, eramos dos primeiros. Tamén é certo que outros se fan e logo adiós muy buenas, ou se quedan só en intercambios e actos puntuais. Neste caso non, sempre se fixo algo, e tamén é verdade que a xente nova que acaba de coller a directiva vén con moitas ganas.

-¿Xa ten pensado a que dedicará eses ocos de tempo que agora lle quedan máis libres logo de deixar a presidencia do comité?

-[Ri]. Eu agora estou xubilada, así que penso que os dedicarei ao que xurda. Penso que non temos que ocupar sempre o noso tempo, telo todo organizado, senón facer máis ben o que apeteza, actividades...