Os espectadores puntuaron cunha media de 7,9 o festival. Foron algúns dos datos aportados polo presidente de Telón e Aparte, Alberto Sueiro, e o edil de Cultura, Marcos Trigo
28 nov 2015 . Actualizado a las 19:05 h.«El testamento de María», coprodución do Centro Dramático Nacional, Festival Grec e Avance Producciones Artísticas, con Blanca Portillo sobre o escenario, foi o espectáculo mellor valorado polos espectadores da 24.ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro carballés (FIOT) deste ano, celebrado entre o 25 de setembro e o 31 de outubro. É , por tanto, a obra que se leva o Premio do Público (acadou un 9,3 sobre 10). En segundo lugar quedaron as funcións «Othelo» (compañía Gabriel Chamé) e «Los esclavos de mis esclavos» (Producciones Meridional). Estes foron algúns dos datos aportados esta mañá polo presidente da asociación cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, e polo edil de Cultura, Marcos Trigo. Deron a coñecer, tamén, que os espectadores (a través dun sistema de votacións logo de cada función) outorgaron unha media de 7,9 ao festival no seu conxunto, tendo en conta os 13 espectáculos teatrais (9 de sala e 4 do ciclo OTNI). Foron un total de 10.361 persoas as que participaron directamente no FIOT, das que 3.201 fixérono precisamente na programación de sala e no ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado), e 1.853 na Rúa dos Contos. O FIOT acolleu un total de 99 actividades, con 34 espectáculos programados, incluíndo 14 estreas (dez en Galicia e catro absolutas). O Premio do Público á función de Blanca Portillo implicará que a actriz volva pasar por Carballo, aínda que non hai unha data fixa para iso (dependerá das súas obras, da coincidicencia nos meses...). Portillo xa manifestara o seu desexo de volver ao FIOT carballés, se ben este premio garantiza que así sexa.
Valoracións
«Se prometiamos un festival grande, podemos dicir que temos un gran festival», dixo Alberto Sueiro. Asegurou que os bos datos que deixa a cita (tamén no sentido de que batese o récord de asistencia) animan a seguir traballando para a próxima edición, que además será a número 25, a do cuarto de século. Máis de 50 medios de comunicación, citou, estiveron pendentes do que ocorría sobre os escenarios Carballo, cun grande peso tamén nas redes sociais, principalmente Facebook e Twitter. A media de ocupación de butacas nas funcións de sala foi dun 95 %, é dicir, cun cheo prácticamente en todas elas. Sueiro quixo destacar o apoio das distintas institucións e o traballo do persoal de Cultura, así como o do voluntariado, «imprescindible». Nisto mesmo abundou o concelleiro Marcos Trigo, aludindo a que este balance indica que a próxima edición será todo un reto. Voluntariado, Agadic, Ministerio de Cultura, Deputación, locais de hostalaría, o traballo de Sueiro e Carmen Castro... Asegurou que todo iso foi fundamental para lograr un festival moi respaldado polo público, un festival de Carballo, sentido como propio, e por todas as idades. Un festival universal.