Apego aos bebés e á lingua

P. B. M. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Inés Rodríguez e Evencio Ferrero, onte, no Concello.
Inés Rodríguez e Evencio Ferrero, onte, no Concello. j. m. casal< / span>

Presentado en Carballo o programa do proxecto para estes meses

10 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende a posta en marcha en Carballo do proxecto Apego, para a socialización e valorización do galego xa na primeira infancia, xa se teñen anotado sesenta familias (50 agardando nenos e 10 con eles recén nacidos). Neste programa, no que participan 12 concellos de Galicia a través dos seus servizos de normalización lingüística, entretécense actividades informativas, formativas e dinamizadoras para nenos, pais e nais e formadores. Onte, Inés Rodríguez, edila de Normalización e Participación, e Evencio Ferrero, alcalde de Carballo, deron a coñecer o programa dos próximos tres meses, todo el gratuíto. O rexedor abundou ademais no «altamente exitoso» que está sendo, pola implicación de pais e profesionais en tan pouco tempo. A continuación, a programación:

Outubro

Martes 21, 18.00 horas, biblioteca Rego da Balsa: «Pais e nais contan». Contacontos de pais e nais. Acceso libre. 

Xoves 22, 17.30 e 18.30, na ludoteca: «Prende no colo». Son dúas sesións. «Prende no colo» é un obradoiro de xogos, de dedos, de cantigas e de recitados, para xogar cos bebés, e da man de Luis Prego. Hai 20 prazas, para pequenos de 0 a 3 anos, acompañados de ata dous adultos. Inscrición no servizo de Normalización ou a través do correo nelvidal@carballo.gal.

Sábado 24, de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.30, no Fórum: para formadores. Achegamento de recursos en galego para formadores infantís.  Inscrición no Servizo de Normalización.

Mércores 28, ás 18.00, na biblioteca Rego da Balsa, «Trinketrinke contacontos». Obra: «Poderes hipnóticos». Máximo de 60 nenos de 3 a 8 anos. Recoller convite na biblioteca.

Novembro

Xoves 5, ás 17.30 e ás 18.30, no Pazo: contacontos para bebés con Pablo Díaz. Hai 25 prazas. Con inscrición previa.

Mércores 11, ás 18.00, na biblioteca Rego da Balsa, contacontos de Trinketrinke. «Riciños de ouro e os tres osos». 

Xoves 12, ás 18.00 no Pazo: «Crianza elixida, crianza axeitada». Con Raquel Bello, psicóloga familiar. Charla para pais e nais.

Mércores 18, ás 18.00, na Rego da Balsa, contacontos de nais e pais. Pais e nais contan para os pequenos. Acceso libre.

Xoves 19, ás 18.00, no Pazo: «Arrolos de salitre». Con Xabier Díaz e Guillerme Fernández. Inscrición en Normalización.  

Mércores 25, ás 18.00, Rego da Balsa: «Trinketrinke». Obra: «Riciños de ouro». Sesenta prazas. Recoller convite. 

Xoves 26, ás 18.00, no Pazo: «Educación sensorial para o teu bebé». Doce prazas. Inscrición no Servizo de Normalización. 

Decembro

Xoves 3, ás 18.00, no Pazo: «A casa encantada de Alí». Coa compañía Falaloba: narración oral e musical e achegamento a recursos e materiais infantís. Actividade familiar. 

Mércores 9, ás 18.00, na Rego da Balsa: «O coelliño branco». Con Trinketrinke. Recoller convite na biblioteca. Hai sesenta prazas para nenos de 3 a 8 años con un adulto. 

Xoves 17, ás 17.00 e ás 18.30, no Pazo da Cultura: «Entre arrolos e contiños». Son dúas sesión: cantos e contos musicais para bebés e familias, con Bea Campos e Davide González (Migallas). Máximo 25 nenos de 0 a 3 anos con dous adultos. Inscrición no Servizo de Normalización ou tamén no correo nelvidal@carballo.gal.

Mércores 23, ás 18.00, na biblioteca Rego da Balsa: «Pais e nais contan...». Contacontos de pais e nais para nenos e nenas. Neste caso, o acceso é libre, non hai límite de aforo.