Cinco razóns para ver Chirigóticas 

Manuela Vilarnovo ZUME DE LIBRETO

CARBALLO MUNICIPIO

Obras: «Juanita Calamidad (todo el mundo tiene un pasado)»

09 oct 2015 . Actualizado a las 13:40 h.

1. Porque está fresquiña, como o pan de Carballo recén saído do forno. De feito, a estrea foi o pasado día 2 de outubro.

2. Porque son unha compañía de brillantes actrices, divertidas, con ese punto de humor andaluz que mesturan con moita habilidade coa ironía, o sarcasmo e a sorna? nun texto brillante de Antonio Álamo, un dos mellores dramaturgos e escritores do panorama literario actual. Véxanse Los borrachos, Cantando bajo las balas ou Nata Soy (este último é un xogo de palabras para ler do revés), entre outros.

3. Porque me interesa saber que sae dunha cocteleira onde se mesturan a esencia de Calamity Jane, é dicir, dunha atípica muller do Far West americano moi alonxada do prototipo da esposa sumisa, nai sobre todas as cousas e cociñeira, co espírito lorquiano de Yerma e, para rematar o cóctel, a chirigota do entroido gaditano. Por certo, de aí o nome da compañía.

4. Porque a escenografía é obra de Curt Allen Wilmer (estudio deDos), un mestre da recreación de espazos, premiado polas súas montaxes en teatro, televisión e exposicións e que nesta obra recrea unha tremoia moi versátil. E a música. A música de Marc Álvarez, outro talento musical do teatro, cine e danza mesturadas coas letras da actriz das Chirigóticas Ana López Segovia. ¡Ay, ese punto costumbrista, kitsch y poligonero, olé!

5. Porque si, porque teño gana de emocionarme. De que me conten historias. De ver a futuras estrelas e a grandes actores e actrices. Porque quero que me sorprendan e, por que non, por ser a primeira obra desta 24.ª edición do FIOT que levo un ano agardando con ansia.