«Carballo ten un gran potencial para ser un referente no sector»

CARBALLO MUNICIPIO

JOSE MANUEL CASAL

Mañá botará a andar a décima edición de Berocasión, con sete participantes

28 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Camilo Díaz é o xerente Automóviles Dimolk (Carballo), un dos sete concesionarios, talleres ou puntos de venda que participarán esta fin de semana en Berocasión, onde case 200 vehículos serán expostos ao público.

-¿Está a crise no seu tramo final?

-Iso parecen dicir os datos, que polo menos non imos a peor. É certo que despois de moitos anos de mercados á baixa, está a haber un pequeno remonte.

-As cifras de matriculación medraron no pasado semestre ata nun 11%.

-Si, e o plan PIVE está axudando moito neste sentido. Pero aínda estamos moi lonxe das cifras rexistradas no 2006, no que se chegaron a vender ata dous millóns de unidades a nivel nacional. Este ano esperamos pechar a tempada en torno a un millón.

-¿Cambiaron os hábitos de compra nos consumidores?

-O comprador agora está moito máis informado e trata de buscar o vehículo que mellor se adapta a el en canto ao uso que lle dará, o tamaño, motor, consumo etcétera. Xa non vemos tantas vendas por impulso.

-Chega esta fin de semana Berocasión, unha cita importante para o sector automobilístico carballés.

-Carballo ten un gran potencial para ser un referente no sector desta zona. As cifras de venda que se moven son ademais bastante boas.

-Este ano a oferta de vehículos incrementouse respecto a outras edicións.

-Si, isto sempre é positivo porque así o público poderá ver máis tipos de vehículos e axudará tamén a ter máis vendas. Ademais a gama de prezos e moi ampla: de 4.000 a 30.000 euros.

-¿Que aporta Berocasión a unha persoa que estea a buscar un coche?

-Créase unha especie de centro comercial do automóbil. Nuns minutos podes ver toda a oferta despregada, evitando ter que ir concesionario a concesionario.

-Aproveitan esta cita ademais para pedir ao Concello unha zona mellor acondicionada para a exposición.

-Sobre todo para aquelas persoas ás que lles toca expoñer os coches en zonas que non están asfaltadas. Non é cómodo para eles nin para os clientes que estean interesados nos coches.

-¿Qué balance fai destes dez anos de Berocasión?

-Do que máis orgullosos nos sentimos é de terlle dado continuidade a esta cita, xa que os únicos medios cos que contamos son os que pode aportar cada negocio, nada máis.