Vivir Calvo

José M. Canedo TERRA E XENTE

CARBALLO MUNICIPIO

31 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Estaba Luís Cerviño pintando unha parede e cantando Angelitos Negros, movendo a brocha ao ritmo lento da canción. Veu por alí alguén da familia e díxolle: «¿Por que non cantas un rock and roll Luís?»

Esta anécdota contáronma hai moitos anos. Isto dá a entender a familiaridade que había e que hai nesta multinacional-familiar, que este ano cumpre 75 anos, que son toda unha longa vida. Preguntarédesvos que fai unha fábrica de conservas no interior. Don Luís Calvo Sanz dixo: «Se os camións de peixe pasan por diante da fábrica, ¿por que non?». Foi o inventor da primeira empacadora de Europa, primeiros en usar lata redonda en conservas, tamén no pack de tres. E loxicamente, coa súa publicidade puxeron de moda aos calvos.

Preguntarédesvos quen son eu. Eu son un capricho dunha pala-excavadora nun desmonte, situado ao carón da Sala de Festas a Revolta. Din que me parezo a Benito Perez Galdós no billete de 1.000 pesetas. E na miña calidade de escritor fago esta historia.

Dende a miña posición ocular e auricular fun testemuña das noites de sábado e das tardes de domingo deste pazo das festas. E tamén do vaivén de camións no negocio de enfronte. Lémbrome de cando Daniel Porteiro plantou as árbores, que forman unha das carballeiras mais preciosas que endexamais vin. Lémbrome das inundacións, cando unha persoa da familia foi en zodiac filmando todo o sucedido. Lémbrome dun boneco de neve, feito por alguén da familia. Lémbrome do Depor de Arsenio, que veu facer a pretemporada ás instalacións Calvo, pouco antes de ser o Superdepor. Lémbrome dos concursos hípicos. Lémbrome dos campionatos internacionais de fútbol. E lémbrome que Calvo, dende hai moitos anos é o patrocinador de, practicamente, todas as disciplinas deportivas, habidas e por haber, de Carballo. E por certo, tamén me lembro dos mellores Beléns da bisbarra, que alí se fan.

Formar parte da familia Calvo é un modo, unha maneira de vivir. Eu chámolle vivir Calvo, de feito, eu como mirador-olleador vivo Calvo dende hai moitos anos Se alguén non desmonta o desmonte, aquí estarei para facerlle unha historia ao centenario. ¡Bo aniversario!