Ladróns de sorrisos

Vicente de Lema ONDA MAINA

CARBALLO MUNICIPIO

29 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Andan estes días a porfía en Carballo se os slogans que pintan nos pasos de peóns están ben ou están mal. Que se tumba que se dálle. Un di para riba outro di para baixo. O que se descobre con estas cousas é que un sinxelo bote de pintura pode facer feliz a moita xente, ao menos aledarlle un momento malo dun día calquera. Eu son máis da opinión que estas ocorrencias pasan porque á xente férvenlle as ideas nestes tempos de tanta escaseza. Ter o maxín á espreita xa é unha conquista. Aínda así, hai moita xente que lle serve calquera cousa para agrear o ánimo, saír da casa con cara de cerralleiro para mirar con ollos de can fero a calquera que pase á súa beira. Unha poesía ou un músico na rúa fanlle gañar anos de vida a quen ande polo asfalto espido, duro e negro. A alegría non se compra. «A aquel que me faga rir doulle un peso». ¿Onde van os vellos argallantes de pobo? Como un lendario dunha vila soneirá que lle fixo xuntar largartos aos rapaces coa promesa de que lle ía pagar cun rosco e logo non llelo deu a ningún porque o bicho que el quería había de ter unha pinta amarela na cabeza.

As rúas son de todos e canta máis ledicia esperten máis felices ha de ser quen as ande. Por moi mala opinión que se teña contra as frases ocorrentes das rúas de Carballo, ninguén vai poder roubarlle o sorriso a quen goce delas. En realidade, os que están en contra teñen bo de facer: con non lelas teñen o conto gañado.

Ao respecto das cousas de todos, é moi difícil entender que haxa quen marche cun pexegueiro que nacía á beira do paseo do Anllóns, en Cabana. Seica hai individuos que xa teñen marchado con outras árbores que van nacendo xunta a senda. É un costume ben malo iso de impedir que o a natureza vai dando polo seu non sexa respectado e que todo o mundo o poda gozar. Como as calas, cornetas ou flores da noiva do río de Soesto. Tódolos anos alguén as recolle para comercializalas. Non sei como non hai una autoridade que diga algo por tamaña espoliación dun ben tan reconfortante nun espazo universal.