Institutos

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO MUNICIPIO

25 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Vexo as fotos das graduacións nos institutos e non me dou afeito. Si, son outros tempos. Os da época do COU, que parece unha eternidade, pero está aí ao lado, nin tiñamos graduación nin tiñamos nada. Unha cea, tomar algo, e para a casa. A preparar o Selectivo o que quixera (nin iso: parece raro dicir algo así, pero non se lle daba excesiva importancia) e pouco máis. Amigos para sempre ata rematar o verán, ou nin ata aí, e despois xa veremos o que pasa. Si, cada un fala do seu. Eu, do meu COU dos finalísimos 80. No Alfredo Brañas de Carballo, que (afortunadamente, iso axuda moito para conservar os recordos) segue igual nas liñas mestras. Iso de ir tan arregladiño, case de voda, con cintas nos ombreiros, é algo que está moi ben, pura envexa, pero que aos vellos nos colle lonxe. Os que mellor o poden contar son os profesores que estaban con nós e aínda seguen por aí. Viña, De la Viña, Anca... Eles si que teñen unha boa perspectiva, isométrica, caballera ou como raios se chamase.

Isto é que teñen os novos, ademais de moitos medios, e máis ganas, e máis preparación. Incluso son todos moito máis guapos e guapas ca eramos nós.

Pero hai algo que non teñen: a visión de comarca. Daquela, ou ao Alfredo Brañas, ou a Cee ou a Santa Comba. A filosofía de un pobo / un instituto aínda non chegara. Haberá quen pense que tal cousa é intrascendente, que o que importa é aprender ben e punto. En certo modo. Pero madurar non é só ler libros e asistir a clase. É, era, que con 14 anos saías do niño do colexio e chegabas ao gran mundo de Carballo, e de súpeto tiñas compañeiros de Corme ata A Silva, de Vimianzo ata A Laracha, de Baio e de Malpica. Unimos eses puntos con liñas e resulta unha finca que custa pechala. E, dentro, visións diferentes no noso pequeno universo adolescente. Maneiras de espabilarse, de comportarse, de facer amigos. Acentos, falas, pronunciacións. Pequenas curiosidades: moito me impactara ver que en boa parte de Bergantiños non dicían tábamos, ou cantábamos, senón «cantabamos» e «estabamos». Por poñer un imperfecto non esdrúxulo. Ou os ditongos, os -oi, en vez de -ui. Ou os suaves ventos das beiras do mar. Pero iso é o de menos: o máis é que vías mundo por primeira vez.