Dire Straits

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO MUNICIPIO

16 may 2015 . Actualizado a las 11:56 h.

No ano 85, a finais, e durante meses, o que máis escoitaban os alumnos dalgunhas clases do instituto Alfredo Brañas de Carballo era o novo dos Dire Straits: Brothers ir arms. Con 15 anos, en segundo de BUP, descubrindo aínda a parte amable da vida, aquela música que chegaba en cintas modestas (orixinais algúns, mercadas en Discoplay; gravadas nas de cromo ou ferro, os afortunados, moito máis se o orixinal era de cedé, o primeiro que recordo) si que era romper co que mallaras na EXB. A adolescencia inocente deviña en placer escoitando aquelas cancións, e logo todas as demais do grupo, en cascos Unisef de feirón. Era cousa seria. As letras dos temas rulaban en copias entre os iniciados, e aínda hai quen canta sen equivocarse So far away ou Walk of life (así soubemos que orquestras que o intentaban inventaban a letras). Aqueles versos quedaban sen esforzo, nada que ver coas declinacións do latín, contemporáneas. A cada época tocoulle un grupo, un estilo, e algúns tivemos a sorte de caer baixo a maxia de Knopfler.

Trinta anos ten ese disco, e nunca pensei que a memoria, máis ou menos calibrada, poidese lembrar tan ben tres decenios. Daquela, trinta anos por diante parecían o Atlántico, un mar inabarcable e descoñecido. O tempo voa, aviso a navegantes.

Polo San Xoán estará tocando en Carballo unha banda tributo de Dire Straits. Estes si que saben a letra. Mágoa non ter o palco diante do Alfredo Brañas, e sentarse nunha daquelas mesas a escoitalos.