Carballo acollerá o domingo a final galega do Club de Debate escolar

La Voz

CARBALLO MUNICIPIO

Os alumnos do IES Parga Pondal mediranse a estudantes de Rois, Pontevedra, O Carballiño, Padrón e Negreira

24 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Alumnos de seis institutos de outras tantas localidades de Galicia participarán este domingo en Carballo na final da cuarta edición do Club de Debate organizado por nove concellos a través do seus servizos de Normalización Lingüística.

Desde as dez da mañá ata as sete e media da tarde, os estudantes terán que poñer a proba no Pazo da Cultura carballés a súa capacidade dialéctica abordando o tema Herdamos o galego, temos que transmitilo e someterse ao ditame dun xurado integrado por xornalistas, lingüistas e docentes. O grupo gañador recibirá como premio unha viaxe multiaventura a Portugal para 20 persoas.

Carballo estará representado por un grupo de alumnos do IES Parga Pondal. Os outros cinco finalistas proceden do CPI dos Dices, de Rois; o IES Luis Seoane, de Pontevedra; o IES Número 1 do Carballiño; o IES Macías O Namorado, de Padrón e o IES Xulián Magariños, de Negreira.