Humanización

Manolo Broa SENTIDIÑO

CARBALLO MUNICIPIO

31 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns anos, nunha entrevista, o foto xornalista Gervasio Sánchez, testemuño directo da barbarie nas guerras dos Balcáns e do Golfo, respondía así cando lle preguntaban que era o que lle compensaba despois de ver tanta miseria humana. El contestaba: «Daste conta de que é imprescindible contar o que pasa nesas zonas escuras do mundo onde vivimos. Un mundo sen información desas zonas sería un lugar máis inxusto, perigoso, obsceno, radical e corrupto». Gervasio Sánchez falaba de Siria, de Bosnia ou de Irak pero para darlle a razón non é necesario nin sequera coller o coche. Ás veces, só é preciso escoitar o que pasa na casa do lado.

En Carballo, e tamén no resto da comarca, temos varias zonas escuras coma esas. Abonda con atoparse con sucesos como o de onte no cemiterio de Sísamo. Cando un se asoma un pouco a eses pozos negros, aspira historias que poñerían os pelos de punta. Non é preciso prender a televisión e escoitar no telediario e escoitar nomes como Andreas Lubitz, Estado Islámico ou Josef Fritz, o monstro de Amstetten, por poñer exemplos que todos coñecemos.

Agora que se achega o momento de pedir o voto e a todos se nos comeza a encher a boca de asfalto, escavadoras, planos e aparcamentos, non estaría mal quitar as vendas dos ollos e os tapóns dos oídos e facer unha parada por barrios ou zonas que todos identificamos pola marxinalidade. Alí tamén poderiamos utilizar a palabra de moda: humanización. A uns centos de metros, na Valle Inclán, na Colón, na Coruña ou na Desiderio Varela, humanización significa ter rúas bonitas, nas que os nenos e os maiores poidan gozar do seu ocio, os compradores compren e os vendedores vendan.

Pero Carballo precisa unha humanización moito máis urxente e primaria, que sempre se bota de menos nos panfletos electorais. Esta non se fai con asfalto, aparcamentos ou escavadoras. Para esta precísase afundir os pés no barro. Precísase educación e implicación a todos os niveis. Só así se poderá acabar con esas zonas escuras que de cando en vez salpican as páxinas do xornal e da televisión. Pero pasa o de sempre. A ver quen lle pon o cascabel ao gato.