A vaca Parrula

José Manuel Canedo Aguiar. COUSAS DE CARBALLO

CARBALLO MUNICIPIO

26 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Dille un amigo a outro:

-Namoreime dunha rapaza. Ata me casaría con ela, pero son tan pouca cousa!

-Déixame a min! Eu voute asesorar. Tes que cambiar de peiteado, vestirte máis á moda, corrixir a túa linguaxe... De onde é ela?

-É dun lugar de Agualada, alí no medio do verde, dos montes, das leiras....

-E teñen vacas, cabras e ovellas?

-Teñen!!

-Pois xa temos ganado.

A miña historia tamén vai de ganado, só que a vaca non sae ata o final. Iamos andando pola beira do Anllóns, Venancio da Crega e máis eu. Cando estabamos chegando a Bértoa lembreime das miñas primeiras verbenas, aos meus 13, aos meus 14 anos. Iamos ás verbenas que podiamos chegar andando. A primeira era O Corpues de Bértoa, despois o San Xoán, San Cristobo, o Santiago de Sísamo, as patronais de Bértoa, A Milagrosa na Ponte, Santa Eufemia en Bértoa e, para rematar, a Pilarica, no barrio do Chorís, en Carballo. Pasabamolo moi ben nas atraccións. E dime Venancio:

-A primera festa era o San Antonio de Agualada. Había que xuntar unhas perras para ir ao tiro, ás lanchas... a beber unha Fanta, para acadar y yo-yo, se atopabas o premio na tapa. Eu non tiña un can e meus pais non me podían dar. Eu xa estaba resignado! Cando pasei por diante da casa do señor Negreira, un dos ricos de Agualada (rico e rácano), a carón dun balado había borralla e vin unha punta. Cun pau, remexín e atopei un montón delas. Metinas no peto e díxenme:

-Lévoas ao chatarreiro e xunto unhas perras!

E díxome o señor Negreira:

-Para onde vas, Venancio?

-Vou ao chatarreiro a ver que me dá por estas puntas!

-Esas puntas son miñas.

-Atopeinas nesta borralla.

-É que esa borralla tamén é miña!

Quedou coas puntas e funme para a casa todo cabreado. Nela estaba meu pai, hora rara para estar el na casa, pois debería estar a traballar nas minas de Barilongo. Pregunteille:

-E logo, que fai na casa meu pai?

-É que morreu a Parrula, e fóronme buscar.

A miña nai estaba a chorar. Non había quen a consolara. A Parrula era da familia. Dábanos leite, algún que outro cucho, e era a nosa calefacción. Aquela noite tivemos velorio. E escuso dicirvos que aquel ano non me fixeron falta os cartos para ir ao san Antonio, pois estivemos de loito.