«Cando os políticos se poñen a actuar, os actores quedamos sen marxe para traballar»

Á. Palmou CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

JOSE MANUEL CASAL

A súa compañía repasa hoxe os seus 20 anos de traxectoria co seu cabaré satírico «Ultranoite no país dos ananos»

30 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Os Venres Culturais de Carballo traen esta tarde ao Pazo da Cultura á compañía Chévere, flamante gañadora do Premio Nacional de Teatro, que poñerá en escena o seu novo espectáculo de gran formato, Ultranoite no país dos ananos. Miguel de Lira (Lira, 1964) subirase unha vez máis ao escenario carballés xunto a un elenco integrado tamén por Patricia de Lorenzo, Mónica García, Arantza Villar, César Goldi, Xesús Ron, Xacobe Martínez, Max Gómez e Manuel Cebrián.

-¿Que supón para Chévere volver a Carballo?

-Carballo é unha praza fundamental, é un deses sitios aos que lle temos máis cariño, porque coñecemos á xente, porque temos moito público e porque hai bastante sintonía xa que temos ido ao festival [o FIOT] e á programación estable como neste caso.

 

-¿Canto importa a presenza e a resposta do público cando un está sobre o escenario?

-No caso de Carballo ao xa ter estado previamente xa sabemos que a cousa vai ben, que se venden as entradas e somos conscientes de que temos moi boa acollida e iso dá un plus, un puntiño de enerxía e de ganas cara a hora de facer a función. No mundo do teatro é moi importante o feedback entre o público e o escenario e en Chévere ademais funcionamos en moitos momentos do espectáculo sen cuarta parede, comunicándonos co público e traballando coa intención de chegarlle a eles e de que eles nos cheguen tamén a nós.

 

-¿En que se diferenza esta nova Ultranoite da que montaron no 2013 no Mercado carballés?

-Esta Ultranoite que non deixa de ser parte do formato das ultranoites, do que estamos celebrando 20 anos. Para celebrar o aniversario deste cabaré irreverente, contemporáneo e cheveriano decidimos facer unha ultranoite que tivera máis mobilidade, porque habitualmente era un formato case de usar e tirar que naceu da NASA e que despois trasladamos a Teo, onde estamos residindo. A do 20 aniversario ten unidade de estilo de principio a fin e nela non xogamos só a meter os ecos da actualidade, senón que buscamos unha temática para facer unha especie de percorrido polos 20 anos deste país, ao que nos lle chamamos, como fixera Celso Emilio, «o país dos ananos». Facemos un percorrido das cousas que foron pasando e tamén facemos unha especie de automirada. É un espectáculo pensado tamén para poder movelo por todo o país.

 

-Falan da inspiración de Celso Emilio e de Jonathan Swift.

-Si, porque nos gustaba o punto de partida que fixo Celso Emilio na Viaxe ao país dos ananos, un texto moi suxerinte que se inspirara en Jonathan Swift, nas Viaxes de Gulliver. El faille unha chiscadela moi directa a Swift e nós facémoslla aos dous porque dalgunha maneira sérvennos de punto de partida. A partir de aí desenvolvemos o espectáculo, os sketchs e as situacións que imos contando, pero que pouco teñen que ver co texto deles. A inspiración non é tanto literaria senón como unha evocación dunha viaxe metafórica que nós facemos por este país dos ananos que nos tocou vivir. O espectáculo tamén ten algo de estrutura musical e hai unha banda tocando en directo, hai cancións, cantamos a coro... Ten todos os ingredientes do cabaré perralleiro galego.

 

-¿Para unha compañía que fai sátira, o feito de que a realidade supere á ficción é unha axuda ou un hándicap?

-Depende do momento, pero é certo que as cousas que están pasando ao noso redor, na nosa realidade máis próxima, na española en concreto, son tan delirantes e tan sacadas de ton que mesmo é difícil parodialas. Hai cousas ultimamente que non se lle pode meter o dente da parodia porque xa son parodias en si mesmas. Cando os políticos se poñen a actuar os actores quedamos sen marxe para traballar, imos ter que meternos a políticos [risas], non se debería descartar de todo. O que está claro é que en Chévere non somos políticos, senón artistas do escenario, pero sempre temos unha mirada política e aceda, e sempre tentamos facer un teatro social, tal como nos recoñeceu o Premio Nacional de Teatro.

 

-¿O galardón supuxo alegría ou pensar que fixeran algo mal por ter obtido un recoñecemento do ministerio?

-[Ri] Non, non. Foi unha alegría inmensa, unha satisfacción colectiva. E aínda notamos máis alegría e máis recibimento empático e de orgullo no noso entorno, que é moi amplo. Foi moi bonito ver a cantidade de bo rollo que xerou ao noso redor. Nós de entrada xa pensamos que era un premio colectivo, porque Chévere en si xa é un colectivo moi amplo polo que pasaron moitos actores, actrices, músicos e creadores ao longo destes anos e que durante 20 anos fixo da NASA un espazo alternativo. E por extensión tamén tivo moi bo recibimento no propio teatro galego porque de algunha maneira o premio dá na diana do tipo de compañía independentes que somos Chévere e o maioría do resto das que hai en Galicia. E se hai algún sinal de dúbida porque o premio vén do Ministerio, nós non somos moi sospeitosos de ser compracentes co poder e menos con este Ministerio de Cultura que temos agora, o do IVE do 21 % e as medidas que afogan á cultura e ao teatro. No caso de Chévere a posición máis transgresora é coller o premio.

MIGUEL DE LIRA

INTEGRANTE DE CHÉVERE

«Actuar en Carballo dános un ?plus? de enerxía»