«A nova directiva ten o noso apoio»

V. COUTO / á. PALMOU

CAMARIÑAS

. a. g.

A responsable da entidade malpicá durante os últimos 14 anos fai un balance positivo do seu mandato

21 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Begoña Gómez deixou o domingo pasado a presidencia da asociación cultural Raigañas, de Cerqueda, xunto co resto das súas compañeiras de directiva. Cederon así o testemuño dunha entidade que suma xa 36 anos de vida, pero á que seguirán vinculadas a través do seu programa de actividades.

-¿Despois de 14 anos chegou o momento de dicir ata aquí?

-Pois si. Foron catorce anos á fronte desta directiva e moitos máis noutras funcións noutras directivas, así que chega un momento no que decidimos convocar unha asemblea e ter a esperanza de que apareza xente para unha directiva nova, con novas ilusións, forzas e ganas. Tivemos a sorte de que así foi. Así que moi ben e moi contenta.

-¿Que balance fai deses 14 anos de presidencia?

-O balance é positivo porque aínda que houbo cousas boas e malas e xente que apoiou máis e outros que o fixeron menos, o traballo foi gratificante e moi positivo.

-¿Que vai facer agora co tempo libre?

-É unha boa pregunta á que aínda lle estou dando voltas na cabeza, pero tampouco terei moito tempo libre porque tanto eu como as miñas compañeiras de directiva desvinculámonos dos cargos pero seguimos nas actividades. É unha situación estraña, é como se cando tes un fillo, faise maior e marcha, pero sempre tes que axudalo e apoialo. Pois neste caso é igual e a nova directiva ten o noso apoio e a nosa axuda para o que queira.

-¿Lembra algún momento especial desa etapa como presidenta?

-É imposible dicir un momento só, porque houbo moitos: cando as Cantareiras foron nomeadas Bergantiñáns do Ano, cando fixemos o disco e o presentamos en Malpica co apoio dun montón de xente... Houbo moitísimas cousas.

-O futuro parece asegurado porque a nova directiva está formada por xente moi nova.

-A verdade é que si. Toda a xente que está na nova directiva estivo vinculada á asociación nas diversas actividades e máis ou menos xa saben como funciona e vai ser máis fácil para eles.

-¿Cando decidiron facerse a un lado e deixar paso a xente nova?

-Foi unha idea pensada, madurada e reflexionada porque a asociación levaba 36 anos funcionando, que non son dous días nin tres. Había unhas actividades instauradas e unha traxectoria dentro da música e da danza que non podes tirar pola borda porque si. Non queríamos abandonar o barco sen máis, sen asegurar o futuro, por iso estivemos tempo madurando o tema.