«Temos grandes proxectos que sairán adiante se nos dan o apoio necesario»

Juan Ventura Lado Alvela
J. V. Lado CEE / LA VOZ

CAMARIÑAS

José Manuel Casal< / span>

O rexedor de Camariñas aposta polo centro de día, o polígono industrial e a fachada marítima para o que quere un cambio na Xunta

28 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O alcalde de Camariñas, Manuel Valeriano Alonso de León (1951), centrou o seu balance do primeiro ano deste mandato nos «grandes proxectos» que teñen entre mans e que di que sacarán adiante se conseguen o apoio necesario.

-¿Que fixeron neste ano?

-As rúas Muíño do Vento, Sotavento, Constitución,... e agora estamos coa do Allo na Ponte do Porto; os parques infantís, que imos facer outro en Camariñas porque o que hai quédase pequeno. Temos en carteira grandes proxectos, como o centro de día, o polígono de Camariñas, darlle unha saída á clínica, as sendas peonís que imos limpar e mellorar, o cemiterio ou paseo marítimo da Ponte do Porto. A ver se a Deputación e a Xunta nos prestan a axuda que precisamos.

-¿Cal é a relación con estas Administracións?

-Coa Deputación teño contacto directo con todos os deputados do goberno. Coa Xunta sempre é un pouco distinto, non sei se por motivos políticos ou por que. Pedín unha entrevista co presidente en novembro para tratar catro asuntos fundamentais para Camariñas, volvinlle a entregar a carta en man cando vén visitar a autovía e estou esperando.

-¿Cal é a situación do plan do casco histórico?

-Está en fase de alegacións ata o próximo 28 de xuño e todos os xoves vén un técnico ao Concello darlle as explicacións á xente. Algunha sae moi contenta co que pode facer e outra pide que se lle deixe facer máis. Nestes casos as liortas veñen cando non hai información ou cando se utilizan politicamente.

-¿Como están os sectores económicos principais?

-A pesca está aguantando con moitas dificultades polas cotas, a mortalidade do marisco,... Todo o mundo se queixa porque os gobernos parece que están máis ao que lle di Bruxelas que a defender a Costa da Morte e Galicia. A fábrica ten 130 ou 140 persoas traballando, están as piscifactorías, as fábricas de polbo, o turismo,... que son o que lle dá esa pequena vitalidade á nosa economía. Se nos falta isto, que Deus nos pille confesados porque o único que nos queda é a maleta.

-¿Comprométese a facer a terceira fase da fachada marítima?

-Vai depender de se hai ou non un cambio na Xunta de Galicia. Xa estaría feita porque Touriño deixou aprobados 1.390.000 euros, pero entre a oposición de Camariñas e máis o señor Álvarez-Campana cando era presidente de Portos elimináronos. Estas son as cousas da mala política, as que fan que estea tan desprestixiada, porque cando algo queda aprobado hai que facelo. É como se agora vén outro goberno e en vez de rematar a Autovía, colle e a deixa a medio facer.

-¿Por que con persoas distintas as liortas son as mesmas?

-Porque son os mesmos que antes xa estaban por detrás, cando houbo todos os problemas dentro do PP e un enfrontamento entre eles. Aquí non hai oposición, hai un ataque persoal continuo. Nunca chega nada en positivo en plan: ?alcalde imos facer isto ou hai que mirar isto outro?. Claro que estou desilusionado, pero é problema deles. Nós temos unha idea clara de a onde debe ir Camariñas e imos tentar a ver se o conseguimos.

-¿Que espera dos conflitos xudiciais que lle quedan, toda vez que no do tanatorio lle acabaron dando a razón?

-Vai ser algo parecido. Teño dúas denuncias, una pola contratación dunha persoa tres meses no verán que puxo o secretario do PP a título particular. A outra, a dos seguros, púxoa o anterior portavoz do PP e o actual segue sacándoa constantemente porque debe pensar que somos todos da mesma condición. Está claro que son cuestións políticas. Din que eu cobrei en dous anos, porque dende o 2009 non volvín a facturar outro seguro, 217.000 euros. Para iso o Concello tería que pagar máis de un millón de euros de seguros. Calquera axente que saiba de que vai isto di que non ten sentido ningún. Despois saen cun informa da UDEF, que teñen eles porque eu nin o vin, terao o meu avogado e cando nin sequera mo comunicou pois xa se pode entender a importancia que lle dá.