Utopía e perigo

Vicente de Lema ONDA MAINA

CAMARIÑAS

08 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai tres decenios falar de museos na Costa da Morte era unha utopía. En realidade, o único que había era o de Man de Camelle, que de vez en cando tiña os seus máis e os seus menos co entorno porque non sempre se entendía a súa arte nin o seu proceder nin el era quen de ver o que pensaban as persoas e institucións. A foto de Manfred case espido e erguido fronte a unha pala mecánica de gran potencia, paralizando todo o proceso de retirada dunhas cepas, é a viva imaxe do poder que pode chegar a ter a inocencia. A inmensa forza dun ser humano feble e fraco, unha especie de Quixote cos pelicos ao aire, poñéndolle freo a todo o peso do aceiro da Administración e dun enxeño mecánico de gran potencia como unha retroescavadora. Foi esa unha das grandes leccións de Gnädinger, cuxo legado acabou como está acabando. Parece que nos últimos tempos está virando ou pouco a súa sorte porque o abandono foi norma.

Diciamos que hai uns trinta anos a rede de museos da bisbarra era inexistente. Neste senso habería que salientar que nestes tres decenios floreceron moitas mostras permanentes, algunhas moi boas: o Fernando Blanco, o de Carballo, o da pesca de Fisterra, o da electricidade do Ézaro, Seno de Corcubión, Forno do Forte, Mar de Laxe, Vilán ou mesmo Dombate. Non entanto hai un que onte estivo de aniversario e que, igual ca o Etnolúdico de Ponteceso, é froito da xenerosidade de quen o promoveu e entregou o seu patrimonio artístico para poñelo a dispor da sociedade. Trátase do Museo de Arte Contemporáneo de Corme. Unha auténtica xoia para a cultura da Costa da Morte e que, lamentablemente, corre certo perigo.