«Diferenciar entre piscifactoría e natureza é un problema cultural»

Antón parada

CAMARIÑAS

O muradán Xaquín Lago Figueroa explica os delicados pasos a seguir para reproducir peixes en catividade

12 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai unha crenza instaurada como unha doenza na autoestima dalgúns galegos. Moitas veces pénsase que non hai futuro na comarca ou que para alcanzar un posto nunha empresa punteira é necesario fuxir ao centro do Estado. Sen embargo, sempre saen a flote exemplos de superación que afogan estas ridículas suposicións. Muros conta cun deles.

Xaquín Lago Figueroa (Muros, 1977) era un rapaz máis no instituto que acudiu a unha desas oficinas de orientación na procura de respostas. Provinte dunha familia vinculada ao sector marítimo, faláronlle da existencia do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), localizado na Illa de Arousa. Así que non dubidou e formouse nese centro.

Hoxe o muradán é responsable dunha planta de cría de rodaballo en Quilmas. Dende unha das instalacións da empresa Prodemar, que ten plantas en Merexo e Vilán (Camariñas) ocúpase do meticuloso proceso que supón o cultivo desta especie. Por fortuna, as augas das rías galegas portan unha vantaxe, simbolizada nos nutrientes contidos, que fai que países líderes nesta profesión se interesen polo seu produto a escala internacional, como o caso de Noruega.

«Comecei a traballar na fase de cultivo larval e presas vivas», explicou Xaquín Lago do período máis importante, abranguido entre a eclosión do ovo e o momento no que o peixe pode alimentarse de penso, de preto dun mes. Mediante o labor realizado durante o período de prácticas, viviu un ascenso fulgurante que o levou de regreso a Quilmas, no que hoxe é o seu cargo actual.

«Capturar o rodaballo no medio natural sería máis custoso, aquí respectamos as condicións hixiénicas para evitar a presenza de contaminantes exteriores». Este control rigoroso, que corresponde ao técnico de acuicultura, é esencial para o desenvolvemento do animal. Ata o punto de que se encargan tamén da produción do alimento das primeiras semanas de vida, mediante rotíferos, similares ao plancto, e artemio, un tipo de crustáceo.

Mais o traballo que desempeña non podería ser levado a cabo sen a participación do equipo de once profesionais que dirixe dende o 2012. Xuntos planifican cada día, entre os diversos departamentos, a xestión dos recursos para a produción. Cada mes organizan as previsións dos lotes que irán saíndo: «O maior logro do noso centro é a fortaleza de traballar cun equipo cohesioado».

Dende estas instalacións poden presumir de ter seguido unha progresión constante na tecnificación do proceso. Todo grazas a unha formación continua anual a todos os niveis. «A xente pensa que se trata dun traballo rápido, pero o tempo de crianza medio está entre un e dous anos», explicou Lago da xornada de espera ata que chega ao prato.

«Trátase dun traballo practicamente artesanal, o ritmo márcao o propio peixe, hai varias tallas, o que sería unha ración de 750 gramos e outras de ata tres e catro quilos», relatou o técnico.

Garantir o produto

Dende o criadeiro forman aos «alevíns», despois estes son enviados a plantas de crecemento en distintas zonas de Galicia e Portugal. Xaquín Lago tamén se referiu ao mérito de darlle a oportunidade ao consumidor de poder mercar esta variedade durante todo o ano.

«Diferenciar entre piscifactoría e natureza é un problema cultural». Para el as reticencias ante o cultivo industrial son algo recente no sector pesqueiro, pero superado noutros como o gandeiro: «Quén come unha tenreira ou unha vaca salvaxe?». Pero o seu maior orgullo foi o de poder formarse no que quixo e traballar na vila que o viu medrar.

Tamén sobre a superficie: Lago tamén é secretario da asociación de vela tradicional Mar de Muros, encargada de poñer en valor o patrimonio marítimo da vila. Dende ela restauraron unha buceta e recuperaron outras dúas embarcacións, unha dorna e unha canoa muradá, que é coñecida por contar con dúas proas, algo propio do lugar.