«Sen unión quedamos catro en taparrabos bailando para turistas»

Juan Ventura Lado Alvela
J. V. Lado CEE / LA VOZ

CAMARIÑAS

Santi Garrido

O rexedor camariñán fíxase como obxectivo a posta en marcha dos polígonos industriais

02 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Valeriano Alonso de León (Camariñas, 1951) empeza a seu terceiro mandato con maioría absoluta no Concello coa idea de que virán tempos mellores.

-¿Estaba seguro de revalidar a maioría absoluta?

-Nunca se está seguro desas cousas. O que si estaba é convencido de ter feito un bo traballo durante os catro ou os oito últimos anos para a maioría dos veciños. A pesar de chegar ás eleccións coa conciencia tranquila isto é como o exame final da Selectividade. Ti pos toda a carne no asador e a cidadanía é a que lle dá a nota. Por suposto estou orgulloso do resultado do referendo.

-¿Temeu nalgún momento que o partido lle impedise presentarse polas imputacións?

-Todo o contrario. Este é un tema dos que non vén a viga no ollo propio e vén o lixo no dos outros. Aquí non houbo nada no sentido do que eles están acostumados que é a corrupción masiva e sobre o que terei cousas que dicir cando xa non estea en política. Aquí, como moito, se é que nalgún momento os xuíces din tal cousa, puido haber unha irregularidade administrativa. Punto. Como xa dixen teño a conciencia tranquila e nunca dubidei do apoio do meu partido. De feito a secretaria de organización estivo no mitin da Ponte do Porto.

-¿Que pensa que lle afectou máis ao PP: a situación xeral ou as liortas internas a nivel local?

-Ese é un problema que teñen que ver eles. Se se senten felices, nós tamén. O pobo é soberano e intelixente e o único que podemos é darlle as grazas por participar nos procesos. Despois que gañen uns ou outros son cousas da democracia. Eu que fun deportista moitos anos sei o que é gañar e máis o que é perder. Se en Camariñas o PSOE leva gañando 32 anos por algo será.

-¿Que supón a entrada do BNG no pleno municipal?

-Diversidade. Os cidadáns quixeron que o BNG tamén teña a súa representación no pleno e agora hai que ver como a desempeña a persoa elixida, se fai unha oposición construtiva ou non. Das súas primeiras palabras despréndese que ten pouca conciencia do que son as cousas, esperemos que reflexione. Se facemos as cousas ben que nos apoie e senón que nos critique. O problema da oposición en Camariñas é que sempre foi destrutiva: todo está sempre mal e se facemos algo iso non ten importancia ningunha. Por suposto que hai erros e que non temos todos os cartos necesarios para manter as cousas como quixésemos, pero non se pode pensar que canto peor lle vaia ao pobo mellor.

-¿Cal vai ser o seu gran proxecto neste mandato se no anterior foi o PXOM?

-O plan xeral foi a obra más grande que se fixo en Camariñas dende que existe o Concello e iso que non se ve por ningún lado, non é como un campo de fútbol ou unha canastra. Agora temos as bases: sabemos onde vai o centro de día, onde vai o parque... O que debemos facer é por en marcha os polígonos industriais da Ponte do Porto e de Camariñas. Despois hai que mellorar o entorno das igrexas, porque é onde se reúne a xente, manter o pobo máis limpo coa colaboración dos veciños, que as administracións nos deixen contratar, preservar o Museo de Man, a Rede Natura...

-¿Como pensa sacar adiante os polígonos cando sobra chan industrial en toda a contorna?

-Sobra porque os polígonos fixéronse indiscriminadamente para tapar bocas de alcaldes e as cousas hai que planificalas, facelas alí onde se precisan e onde hai demanda para elas. O porto de Camariñas é un dos máis importantes de Galicia e non hai un sitio para poñer un taller de reparación ou servizos marítimos.

-¿Fialo todo ao poder do mar non pode traer un pau moi grande?

-Xa estamos levando paus. A Xunta de Galicia está arruinando aos empresarios do mar. O outro día colleron a un armador que levaba caixas de peixe de máis. O que fan é sacarlle o peixe e multalo con 20, 30 ou 40.000 euros, co cal ao día seguinte o que lle queda é seguir pescando ilegalmente para pagar a multa. Dígoo eu: ¿Non sería moito más práctico vender ese peixe, porque o 90 % podrece alí no porto e que a ese armador se lle prohibise pescar esta ou aquela especie 15 días, un mes ou tempo que corresponda?

-¿Cre que o turismo vai aportar o traballo que se perde no mar? ¿Non se fixeron as cousas demasiado mal, en Vilán, por exemplo?

-Tanto potencial non sei se vai ter, pero se contamos cunha Deputación intelixente que sexa capaz de unirnos si hai moita capacidade. Iso si, ou nos unimos ou aquí imos quedar catro pelagatos bailando en taparrabos para os turistas. Pode que se fixeran cousas mal, pero o que está feito xa está. É moi difícil volver para atrás e o traballo tamén fai falta. Da rede natura soamente non se come. Camariñas é unha península toda rodeada de mar. Para aquí non vai vir a Citroën nin nada disto, teremos que ter piscifactorías e industrias relacionadas no mar. Agora o que hai que esixirlles é que cumpran as normas vixentes e, na medida do posible, minimizar o seu impacto.

-¿Que tempo político espera en xeral e na Costa da Morte?

-Eu estou esperanzado co futuro sempre que sexamos demócratas. Nisto hai que recordarlle ao Partido Popular que vivimos nun Estado parlamentario. Os alcaldes, os presidentes e demais elíxenos os deputados, os que son capaces de conformar maiorías. Se queren facelo doutro xeito que cambien a lei electoral. Despois, nos pobos as crises sempre chegan máis tarde e esta non a provocamos os cidadáns, senón un sistema capitalista mundial do que eu estou a favor, pero regulándoo e poñéndolle freo. Por iso que non podemos pensar como cas enfermidades que non nos vai pasar a nós. Hoxe é Grecia e mañá será outro, por iso temos que estar unidos.

MANUEL VALERIANO ALONSO DE LEÓN, «Pichurri» Alcalde dE CAMARIÑAS