Xabier Docampo únese ao club de lectura de A Ponte do Porto

Á. P.

CAMARIÑAS

CEDIDA

O autor pasou pola biblioteca do IES Pedra da Aguia, na que tamén estiveron en datas recentes Juan Besada e Pedro Feijoo

27 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Fronte a aqueles que vaticinan o final dos libros xorde o labor que fan clubs de lectura como os nacidos ao abrigo da biblioteca do IES Pedra da Aguia da Ponte do Porto e que son capaces de atraer a atención tanto dos propios escolares como dos adultos, ademais dos propios autores.

Un destes últimos, Xabier P. Docampo, respondeu á chamada dun destes clubs que coordina Emilio Roca ?concretamente, o de primeiro e segundo da ESO, do que forman parte 27 rapaces? e acudiu o mércores ao centro para compartir con eles os pormenores de Cando petan na porta pola noite, libro co que gañou en 1995 o Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil e que xa ten sido reeditado en varias ocasións cunha gran acollida.

Tal e como fixeran en datas recentes e nese mesmo escenario ?aínda que neses casos para os integrantes do club de lectura de adultos? Juan Besada co poemario La piel encendida e Pedro Feijoo coa novela A memoria da choiva, Docampo respostou a todas as preguntas do seu público e demostrou a súa simpatía e paciencia firmando os exemplares que levaban os rapaces e facéndose fotos con todos eles.

Ademais, e coas luces da biblioteca apagadas e a única iluminación dunhas velas, o autor regalou aos alumnos dous contos relatados tal como se facía naquel tempo en que a televisión e outras formas modernas de ocio aínda non impuxera a súa lei.