«Hai que entender que a carreira é unha festa para Camariñas»

Brais Capelán

CAMARIÑAS

Fran Puga, á dereita da imaxe, en plena ruta de sendeirismo desenvolta en Corme.
Fran Puga, á dereita da imaxe, en plena ruta de sendeirismo desenvolta en Corme. xosé ameixeiras< / span>

O domingo 8 de marzo celébrase a novena Carreira Pedestre de Camariñas, dentro da competición Correndo Pola Costa da Morte

27 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Francisco Puga Bestilleiro (A Coruña, 1971) é un dos responsables da primeira proba do circuíto popular Correndo Pola Costa da Morte. A competición comezará o domingo 8 de marzo coa novena carreira pedestre de Camariñas, localidade onde Puga é técnico de deportes. Trátase do segundo ano que se organizan estas nove probas e, nesta edición, a recadación dunha das competicións sénior (a de 5 quilómetros) irá destinada á Asociación Provincial Contra o Cancro. De momento hai máis de cen inscritos nas distintas categorías (que van dende os tres anos), pero o ritmo de altas subirá nos días previos.

-¿Canto leva planificar a carreira?

-Xa empezamos a traballar no mes de setembro. Leva máis tempo ao estar incluído dentro da competición Correndo Pola Costa da Morte.

-Comezaron entón antes de que acabase a primeira edición...

-Sí, porque a última foi en novembro e xa estabamos vendo que mellorar de cara a este ano. No meu caso, en agosto xa estaba falando con patrocinadores.

-¿Cantos corredores cre que participarán?

-É difícil sabelo neste momento. O ano pasado superáronse as miñas previsións e foron 220 participantes nas categorías absolutas. A día de hoxe xa hai máis de 120 anotados. Hai que pensar que a demanda aumenta os días previos.

-¿Vai público a esta proba?

-Na zona do porto si que hai, porque é onde comeza e remata a carreira. Despois o que di a xente é que hai moito ambiente por Camariñas ese día.

-¿Como é a resposta dos veciños a estas probas?

-Dentro do Concello temos que tratar de mellorar, porque o ano pasado as estatísticas dos corredores son dun 65% de foráneos da Costa da Morte e só un 35% de xente dos propios concellos participantes. Loxicamente onde máis participa a xente da zona é nas categorías de base. Creo que temos moita marxe de manobra para aumentar os participantes locais e hai que entender que a carreira é una festa para Camariñas.

-¿Qué lle diría á xente de Camariñas para que se animase a participar?

-Diríalles que o primeiro é pensar na saúde. Nas categorías de base, os pais deben entender que é moi importante que os rapaces perdan o medo a participar. Aos maiores, diríalles que os que gañan sempre son os que saen á rúa e non quedan na casa.

-¿É gratificante facer esta proba?

-Cando chega o día da proba estás desexando que pase rápido e que non suceda nada que desbarate o noso traballo. E despois estás tan canso que o único no que pensas é en sentarte e repousar un rato. Se todo sae ben, como estivo saíndo estes últimos anos, claro que acabas contento.