«Estamos orgullosos de que a colección poética de Galaxia se chame Dombate»

V. COUTO / P. BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CABANA DE BERGANTIÑOS

CESAR QUIAN

O proxecto en marcha co Concello de Cabana achegará a poesía a mestres e escolares. Francisco Castro é o director da editorial Galaxia

21 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Dombate Primavera da Poesía é unha programa educativo dirixido a profesores e alumnos no que traballan o Concello de Cabana e Galaxia. Presentouse o sábado, no propio megálito, e un dos encargados de facelo foi Francisco Castro (Vigo, 1966), director xeral da editorial, quen tamén falou da iniciativa en Radio Voz. O proxecto, co que colaboran a Deputación e a Consellería de Educación, quere darlle a volta á idea que a poesía non interesa, de que é como un floreiro decorativo. Con músicos, actores e escritoras e escritores de primeiro nivel, haberá obradoiros para todo o universo educativo de Cabana e contorna e, ademais, medio cento de mestras e mestres que traballarán coa poesía como eixo central. «Quérese demostrar que a poesía ten que ser a porta de entrada da literatura para todo o mundo», afirma Castro.

-Un xeito de reivindicar, pois, o papel que xoga a poesía.

-Efectivamente. Sempre se di que a poesía é a irmá pobre na literatura. Na edición tamén se mantén o mesmo: é dicir, a edición de poesía é case algo anecdótico, se ben para nós é crucial. Nos últimos anos, e isto agora vaise incrementar, estamos publicando moita poesía para pequenas e pequenos, e tamén para adolescentes. O ano pasado publicabamos un libro de poesía para adolescentes de Paula Carballeira e este ano vai haber máis apostas poéticas para rapazas e rapaces nesa idade tan complicada, na que abandonan un pouco a lectura. Imos apostar por eles, e pola poesía. Vexo crucial que, dende pequerrechiños, convivan coa poesía e tamén que o profesorado estea formado en parecer e ser quen de tirarlle todo o proveito do mundo á linguaxe poética nas súas clases.

-Dombate, precisamente, ten tamén moito que ver coa liña poética da editorial Galaxia.

-Si, a nosa editorial ten unha colección de poesía dende hai decenios que se chama así, Dombate. Por tanto, para nós ten todo o sentido do mundo facer o acto deste sábado alí onde o fixemos. Estamos moi orgullosos de que se chame así a nosa colección.

-¿Por que este vínculo entre o Concello de Cabana e Galaxia?

-Atopamos no Concello de Cabana unha sensibilidade especial para con nós, con este proxecto. Falámolo, viron que era máis que realizable e que lles apetecía. Son destas cousas que rematan sucedendo porque atopamos xente coa sensibilidade suficiente como para apoiar o proxecto.

-Nel está todo o sistema educativo.

-Claro, é necesario. Nós, ao longo da nosa actividade anual, programamos sempre accións pensadas coa escola. Temos neste momento unha montaxe arredor de A Galiña Azul, de Carlos Casares, que desenvolve Ubú Teatro e que vai chegar a case 20.000 estudantes do país. Temos tamén unha montaxe arredor de Cousas, de Castelao, cos Quinquilláns, cos que xa temos traballado tamén arredor da obra de Neira Vilas. Cremos que hai que achegar a literatura ao mundo da escola, máis aló do libro prescrito. É importante que os profesores e profesoras recomenden literatura, pero tamén hai que inventarse accións que nos acheguen ao futuro. Máis que vender libros, o que nos debe preocupar é que haxa lectores e lectoras, e para iso a escola ten que ser o noso aliado.

-¿Cal foi o criterio para escoller a eses poñentes dos obradoiros?

-Usamos dous criterios. Por unha banda, que fosen autoras e autores que recentemente teñan publicada obra poética con nós. Por exemplo, o primeiro vai ser Xoán Carlos Domínguez Alberte, de quen estes días estamos presentando Poemas para conversar, poemario pensado para cativas e cativos de 8-9-10 anos. O mesmo, con María Canosa ou María Lires, Paula Carballeira... O segundo criterio foi que fosen autoras e autores con certa experiencia na dinamización literaria coas nenos e os nenos. Non vale calquera para coller un grupo de 25 rapaces e poñelos a traballar e a gozar arredor da poesía.

-¿Que obxectivos se marcan neste apartado para escolares?

-Hai algo clarísimo: que gocen da poesía, da palabra poética. O primeiro que nos achega á literatura, á música, ao teatro, case diría que ao fútbol, ao cine... é que sexa unha actividade pracenteira. Entón, o obxectivo é así de ambicioso: que identifiquen poesía con algo pracenteiro, con algo que os nutre e os fai sentir ben. Se tal conseguimos, estaremos ganando lectoras e lectores de poesía.

-¿E na parte dedicada a mestres?

-Pois está ese primeiro obxectivo e, tamén, que eles saiban como poden usar os libros de poesía como ferramenta pedagóxica.

-¿Aínda quedan prazas?

-O éxito é absoluto, tanto no aspecto dos centros como dos profesores. Se fose un concerto, diríamos aquilo de ‘Non hai billetes’. As 50 prazas para mestres están cubertas.