Pinchos, cultura e un novo guía para vivir a ponte festiva en Cabana

La Voz

CABANA DE BERGANTIÑOS

A aplicación para dispositivos móbiles sobre o Castro do Borneiro contribuirá a que os visitantes tiren o máximo proveito do amplo programa deseñado polo Concello

04 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Cabana volve aproveitar a ponte da Constitución para presumir de atractivos e poñer ao alcance dos veciños e visitantes un amplo programa de actividades capaz de invalidar calquera escusa para quedarse na casa. Como en anos anteriores, o patrimonio e a oferta hostaleira son os dous eixos que dan nome a este programa de Saberes e sabores de Cabana de Bergantiños, organizado coa colaboración da Deputación e que nesta ocasión chega cunha interesante novidade que fará que a experiencia de visitar o municipio sexa aínda máis plena e gratificante: a aplicación para dispositivos móbiles sobre o Castro de Borneiro.

A app presentada de xeito oficial o xoves e cuxas características xa foron postas a proba por un grupo de alumnos do municipio, está ao alcance de calquera usuario que teña un móbil ou unha tableta con acceso a Internet.

Pódese descargar de xeito gratuíto tanto para dispositivos Android como iOS e constitúe un gran aliado para mergullarse na historia, o significado e os carreiros do xacemento cabanés. A audioguía é un dos puntos fortes desta aplicación que tamén resultará de utilidade para tirar proveito do resto das citas do programa Saberes e sabores, posto que inclúe un apartado de sitios de interese con información sobre o dolmen de Dombate, escenario de varias das propostas.

As citas para estes días

Tamén hai un acceso á guía da hostalería do municipio que resultará de utilidade para aqueles que queiran desfrutar do apartado máis apetitoso do programa: as rutas dos pinchos que se celebrarán en Neaño, hoxe mesmo, e en Canduas, o próximo domingo.

A música estará moi presente estes días no municipio coas actuacións de O Son do Castro, Os Farrapos e Eloy Mato e o festival de corais Tempos de Nadal. Tamén haberá teatro coa compañía Os Quinquilláns, regueifas e mesmo un campionato de futbolín.

Dombate, o principal polo de atracción turística de Cabana, verá reforzado o servizo de visitas guiadas durante toda a semana e o seu centro arqueolóxico acollerá un obradoiro escolar de prehistoria e varias xornadas centradas na cestería, con exposición e talleres. Pero os actos chegarán tamén a outros puntos do municipio: o centro de día, o local social de Corcoesto, a Escola de Vela, o auditorio municipal ou a Escola de Borneiro contribuirán a que todos os veciños do municipio sexan partícipes desta gran ponte festiva.