«Hai moita política feita cara á galería pero non se resolven os problemas dos veciños»

La Voz

CABANA DE BERGANTIÑOS

José Manuel Casal

Enrique Díaz Varela, o portavoz socialista, leva 29 anos na política municipal

31 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Enrique Díaz Varela é todo un veterano da política municipal. Leva 29 anos e foi rexedor entre os anos 2000 e 2003, e pese aos amagos de marchar continúa un mandato máis ao fronte do PSOE cabanés. Di que a situación económica é «boa», aínda que cre que hai moitas cousas que mellorar no Concello: «En termos xerais fíxose pouco, foi un labor de continuidade no que se fixo unicamente o imprescindible». Citou as obras do Plan de Acción Social, do Plan de Aforro e Investimento e o Plan de Obras e Servizos como os únicos programas de investimento, «e aínda así, parte destas axudas dedicáronse a gasto corrente en lugar de facer obras, que boa falta fan». Segundo o líder socialista, «fíxose moito de cara á galería pero non se resolveron os principais problemas dos veciños». Entre eles destacou «o catastrazo». E engadiu: «Houbo unha revalorización sen precedentes dos inmobles. A contribución urbana creceu moito neste último ano e Cabana non deixa de ser un Concello pequeno. Creo que o PP tiña a opción de rebaixar algo as taxas e impostos municipais, e non o fixo. Os veciños pagamos máis impostos que antes pero os servizos e as infraestruturas non melloraron».

Enrique Díaz tamén falou, como o BNG, de política electoralista. «Moitas cousas que se fan buscan o rédito político con vistas ás vindeiras eleccións». Considera que hai que darlle un novo impulso á promoción do patrimonio etnográfico. No debe do PP está, segundo el, na boa xestión municipal, «na que algo tamén tivemos os que antes estivemos na alcaldía, que tamén actuamos con responsabilidade». 

Lealdade

Sobre a tranquilidade coa que se celebran os plenos en Cabana, a diferenza doutros concellos da bisbarra, Díaz achácao a «unha lealdade política da oposición cara o goberno» E engadiu: «Pode haber momentos nos que haxa de discrepancias, pero, polo xeral, podemos dicir que o PSOE actuou sempre con responsabilidade co goberno».

Enrique Díaz leva en política 29 anos e foi alcalde de Cabana entre o 2000 e 2003.