«Pretendemos que todos os veciños sexan iguais»

M. Rial / P. Blanco

CABANA DE BERGANTIÑOS

O candidato asegura que nestes mandatos do PP houbo moitas oportunidades que se deixaron perder

26 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O PSOE loitaría por acceder á alcaldía de Cabana e farao da man de Enrique Díaz, que finalmente, e ante a falta de relevo, é o cabeza de lista dos socialistas. Exalcalde xa do municipio, é un dos políticos máis veteranos da comarca, coa metade da súa vida como edil, dende o 2003 na oposición. Falou hai uns días en Radio Voz Bergantiños.

-¿Cales son os retos do PSOE?

-Nós o que pretendemos é gobernar doutro xeito, gobernar para todos os veciños de Cabana e que todos sexan iguais.

-¿Que balance pode facer destes mandatos liderados polo goberno do PP?

-Poderíase mellorar, está claro. Como oposición que somos, vemos as cousas doutra maneira. Creo que oportunidades houbo, porque o Concello, afortunadamente, nunca estivo endebedado, ou tivo unha débeda moi pequena. Cando eu deixei o goberno recordo que quedaba case un millón de euros en obras para executar. Somos un Concello que non ten chan industrial e tal e como están as cousas, as poucas empresas que hai o que fan é marcharse para outro sitio. Polo tanto, nestes mandatos perdemos oportunidades para que Cabana medrara.

-¿Cales deberían ser as prioridades ou obxectivos para o próximo alcalde?

-Todo iso do que falo, porque o gran problema é a economía, en todos os concellos. O noso nese sentido está ben, de aí que o lóxico sería que tivésemos un pequeno polígono. Pero estamos enfrascados. Pasaron doce anos e non temos. Por aí habería que empezar. Tampouco houbo vontade política de sacar o plan urbanístico adiante, e iso seguro que está prexudicando aos veciños de Cabana. Tamén plans de aforro... porque non se solucionan as cousas con subir os impostos. Eses plans de aforro que levo dicindo moito tempo que van no noso programa. Ir máis alá do plan de aforro enerxético que agora hai con esta mancomunidade que se fixo. Por exemplo: plan de residuos como é debido. Hai moitas cousas onde se poden aforrar, para poder investir o diñeiro doutra maneira. Hai parroquias máis abandonadas ca outras: no último mandato nalgunhas practicamente non se investiu nada. O que pretendemos é que en todas haxa servizos e penso que no trato persoal coa xente o fixemos ben. Aí sería onde poderían notar as diferenzas: hoxe ao noso alcalde hai que pedirlle vez para falar con el.

-¿Que posición toma o Partido Socialista con respecto á mina de Corcoesto?

-Creo que xa se manifestou dende o principio, a pesar de que ao mellor a xente nos poida reprochar que non foramos moi activos. Pero nós, dende Ponteceso, Cabana e Coristanco, fomos os primeiros que lle fixemos alegacións á empresa. A favor non estabamos. Todo o mundo sabe o impacto que pode ter unha obra deste tipo. Como moi pouco, habería que esixir que as cousas se fagan con todas as garantías, e niso estamos.

A favor ou en contra

Sanidade a inmigrantes ilegais: A favor

IVE cultural no 21 %: En contra, é unha barbaridade

Cadea perpetua revisable: Fóra de lugar

Xustiza gratuíta: A favor, por suposto

Fusión de Concellos: Non o vexo moi viable

Mancomunar servizos: A favor, desde sempre

O aborto: Estaba ben como estaba

Legalización das drogas: Un tema peliagudo

Imputados nas listas: En principio, non; habería que ver casos

Legalización da prostitución:Pois si, quizais sería unha forma de que desaparecesen as mafias

Preferencias

¿A que hora se ergue? A veces ás 5.30, outras ás 9...

¿E que almorza? Café con leite

Prato preferido: Un bo entrecot

¿Que non comería? Eses bichiños raros...

Bebida preferida: Un viño tinto

Equipo de fútbol: O Deportivo

¿Que coche ten? Un Xantia

Unha afección: Os deportes, pero na tele [ri]

Un lugar: Os Fiordos de Noruega, pero de momento non puido ser 

Unha rede social: Teño Facebook, pero coma se non o tivese

Artes e letras

Escritor favorito: García Márquez

O último libro que liu: Leo «Hombres buenos» [Reverte]

A última película que viu: «El Niño»

Un artista: Calquera pintor é extraordinario

Un actor: O noso Javier Gutiérrez

Unha actriz: Katharine Hepburn

Un cantante: Serrat

Tipo de música: O pop-rock

Programa de televisión: Non hai moito que me guste

Unha viaxe pendente: Esa dos Fiordos